Por Galicia Confidencial | Ourense | 19/04/2023 | Actualizada ás 10:41
Ecoloxistas en Acción presenta un manual para unha xestión do arboredo urbano "respectuosa coa natureza e que potencie os servizos ecosistémicos que prestan as árbores nas rúas das cidades galegas". Para iso, a organización ecoloxista realiza xa unha campaña de concienciación ás administracións enviando este manual aos concellos, universidades e outras administracións que son competentes na xestión de parques e xardíns urbanos.
A entidade ecolixista cre que chegou o momento de que todos os axentes implicados na xestión do arborado das nosas cidades e vilas, tomen conciencia dunha vez por todas, da dependencia insondable que temos da natureza. Coa redacción e difusión deste manual para a xestión do arboredo urbano, a organización ecoloxista pretenderevisar os conceptos, actualizar os obxectivos e unificar os criterios de actuación, sempre baixo a óptica da xardinería moderna.
"Ao longo da súa vida, as árbores proporcionan un conxunto de beneficios moito máis valiosos que a inversión en plantación e coidado. As árbores melloran a calidade do ar. Unha árbore grande pode absorber ata 150 kg de CO2 ao ano, polo tanto, nas cidades, onde a contaminación sempre é un factor progresivo, a súa presenza máis que necesaria faise imprescindible", indica.
Así, apunta que as árbores grandes son excelentes filtros para contaminantes urbanos. Eliminan gases como monóxido de carbono, óxidos de nitróxeno, ozono e óxidos de xofre. Tamén filtran sucidade, fume do ar e partículas finas de po, atrapándoas sobre as follas e a cortiza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.