Por Europa Press / Redacción | VIGO | 09/05/2023 | Actualizada ás 16:26
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou este martes o seu "desgusto" e "sorpresa" tras confirmarse que a Avogacía do Estado presentou recurso promovendo incidente de nulidade contra a sentenza do Tribunal Supremo que avalou a continuidade da celulosa Ence na ría de Pontevedra.
"Leveime un desgusto", recoñeceu o titular do Executivo galego, a preguntas dos empresarios nun coloquio organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo. Alfonso Rueda sinalou que está "sorprendido" porque a sentenza do Supremo "é bastante clara", e ironizou: "Gustaríame que a Avogacía do Estado fose igual de insistente noutros temas que vemos por aí".
O presidente da Xunta advertiu de que esta actuación do Estado "non é boa" porque a empresa "foi clara desde o principio" e alertou de que necesitaba "seguridade xurídica para seguir facendo investimentos". Tras matizar que non pretendía facer de "defensor de Ence", o presidente galego apuntou que "chega un momento en que hai que dicir: xa se pronunciaron os tribunais, imos deixar que se siga producindo riqueza".
Así mesmo, criticou que se presentou este recurso "a un mes das eleccións locais", cando o goberno do Concello de Pontevedra, presidido por Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), "implicouse tanto" (o consistorio tamén recorreu a sentenza, do mesmo xeito que Greenpeace). "Non me gusta nada, creo que estas cousas deben separarse e espero que non se volva a repetir", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.