Por Moncho Mariño | Santiago | 12/05/2023 | Actualizada ás 22:00
-Cales son os fundamentos ideolóxicos do Partido Galego?
O Partido Galego (PG) ten catro piares; o galeguismo, o europeismo, as políticas ecolóxicas e o compromiso co rural. A maiores e para as vindeiras eleccións municipais do 28M queremos unha moi boa xestión dos recursos públicos, eficacia, queremos proximidade do concello, queremos unha administración áxil, rápida e o noso compromiso a dar resposta ás solicitudes e cuestións que se presenten desde a súa entrada no concello.
-Aínda así, haberá quen diga que seis meses é un tempo longo?
Si é, aínda que é máis do que tardou o Concello en caer na conta en 2023 de ter unha nave sen licenza desde 2011. Con esta comparativa, seis meses non son nada.
-Durante a presentación da súa candidatura para a alcaldía de Santiago asegurou que son candidatos e candidatas que traballaron “sen axuda de Madrid, consellos de administración nin liñas editoriais”.
Non vou descubrir nada se digo que a cobertura dos medios tradicionais é practicamente nula ao Partido Galego, especialmente en Santiago de Compostela, iso debe ter unha explicación. Evidentemente, os partidos que saen nos medios tradicionais terán uns fondos, uns apoios e unhas liñas de comunicación abertas que a nós se nos negan, ou no caso económico non as queremos tampouco, porque nos obrigarían a ter hipotecas e non queremos comezar unha vida política para un concello hipotecándoo. Sobre liñas editoriais remítome ao xa dito, a opacidade é absoluta e a ninguén se lle escapa quen sae sempre nos medios. Nós, como non vemos esa axuda, afortunadamente non temos esa hipoteca.
O noso compromiso é dar resposta ás solicitudes e cuestións que se presenten desde a nosa entrada no concello
-Os que máis destacan serían as candidaturas con maior presenza mediática?
Non o diría así. En tal caso, se tes os medios ao teu servizo tes que destacar. Hai pouco falamos cunha persoa senlleira na cidade no ámbito da cultura que describía a música comercial como a que as discográficas pagan para que estea sonando día e noite. Por iso eu non falaría dos partidos que máis destacan, diría os partidos que tiveron tarefas de goberno no Concello e demostraron o que son capaces de facer e as cousas que non fixeron.
-Durante a presentación da súa candidatura declarou ver moita frustración na cidadanía de Compostela. Como describiría esa frustración e de onde vén?
De moitas cousas. A primeira, a nosa experiencia vital, Santiago é unha cidade avellentada, vivimos un momento con moitas persoas que están de volta de todo, iso é alleo a nós e cada quen debe saber levar o seu. Alén diso, a cidade parece estar desde hai dez ou máis anos nun estado de somnolencia absoluta. A administración non é áxil, o Concello parece o inimigo das persoas. Nós temos un lema: “Un Concello a carón da xente, non en contra da xente”. As persoas só ven na administración local un lugar de onde veñen multas, sancións e dilatacións dos tempos. Cando traballas para unha organización e dis “vou presentar isto ao Concello”, os e as túas compañeiras xa poñen cara de desalento. Entón, no ámbito do local, o cansanzo vén polo atraso da administración, polos atrancos, polas dificultades, porque Santiago non está a ser unha cidade confortable, aínda que a queremos con toda a alma. Non o é porque as persoas están queimadas, todo é chover sobre mollado. Penso que dez anos é abondo para entender este cansanzo. Estamos falando con comités de empresa, con empresarios e outros colectivos e o que repiten é a palabra “queimados”. Logo tamén chama a atención que che dean as gracias por ser educada, é triste, que che dean as grazas por escoitalos, é triste. Que políticos temos? Xente que non escoita e non é educada? Con todos os meus respectos, non lles quero pagar co meu diñeiro.
Eu non falaría dos partidos que máis destacan, diría os partidos que tiveron tarefas de goberno no Concello e demostraron o que son capaces de facer e as cousas que non fixeron
-Con que outros tecidos sociais teñen contactado?
Temos falado con representantes da hostalaría, co ámbito cultural, imos reunirnos con asociacións de veciños, con traballadores de servizos públicos, que son case os máis queimados ademais de estar enfadados polo trato que reciben e tamén mostran o seu desencanto por non poder traballar como eles queren, como os bos profesionais que son. Escoitei como as traballadoras de atención no fogar pedían máis liberdade para realizar o seu traballo cos seus usuarios, persoas que mañá poden ser os nosos pais ou avós. Estamos preocupados polo sector dos servizos públicos. Temos tempos fixados para falar sobre a problemática dos barrios e co rural, sobre as concentracións sen facer na zona de Villestro. Fixemos unha boa peregrinación polo Santiago urbán e rural.
-Pensando en concreto no rural, cales son as medidas que solicitan desde esa área?
Esencialmente, ter os mesmos servizos porque pagan os mesmos impostos. Temos a idea dunha grande área metropolitana para chegar coa mellor parte dos servizos onde vive a xente. Moitas persoas seguen no rural ou marcharon para o rural porque prefiren esa calidade de vida, mais para iso necesitan duns servizos básicos imprescindibles. Temos un lema que é: “a calquera cidadán, igualdade de dereitos”, porque o diñeiro chega ao Concello tanto do rural como do urbán.
-Partido Galego participa nestas eleccións coas súas candidaturas propias ou teñen acordos directos con outras formacións?
O Partido Galego ten as súas propias candidaturas e, aínda que estou na executiva do partido, estoume centrando en Santiago de Compostela. No caso santiagués non imos como candidatura, imos como independentes. No caso de ir en candidatura, a decisión tivo sempre a supervisión do Partido Galego e non puidemos presentarnos en máis concellos porque non se cumprían as esixencias mínimas de PG. Ao Partido Galego gústanos dicir como as Tanxugueiras “vimos para quedar”. Así pois, se queremos quedar, non podemos facer pan de hoxe e fame de mañá, debemos fortalecer os nosos piares e non serve un “vale todo”. Os compañeiros e compañeiras que van en candidatura aceptaron e conviñeron co que se lles pedía desde o partido.
-Vense como unha alternativa ao sistema de partidos actual ou vense máis como unha terceira vía?
Somos unha alternativa porque a nosa idea é a de realizar unha boa xestión, desfacer pouco a pouco, porque non temos unha vara máxica, de sede municipal allea á cidadanía en que se converteu Raxoi, achegala ás persoas o máximo que poidamos, aportar os nosos coñecementos e experiencia profesional e vital ao mundo local. Nese sentido si somos alternativa, porque cando dicimos: “non nos apoia ningún partido político estatal”, queremos dicir que non hai un teléfono desde Madrid ou Barcelona para dicirnos “Galicia non toca”, mais claro que nos toca, agora e despois, porque para nós Galicia está no centro e Santiago no centro de Galicia, recuperar esa categoría de cidade capitalina. O estado da cidade agora mesmo debe cambiar, aínda que hai unha idea inducida na cidadanía de que non hai maneira de resolvelo. Si hai unha maneira de resolvelo, cando chegues o día 28 de maio a votar pensa se queres máis do mesmo ou bos xestores que finquen os cóbados e falar con todo o mundo e ser educados.
Temos un lema que é: “a calquera cidadán, igualdade de dereitos”, porque o diñeiro chega ao Concello tanto do rural como do urbán
-Que lle diría a quen busque a polémica por ter falado Partido Galego con persoas como Manuel Martínez, alcalde de Becerreá por Galicia Sempre, Claudio Garrido, de Camiña Sarria ou Pachi Vázquez, de Espazo Común?
O primeiro de todo, iso habería que preguntarlle ao coordinador xeral do partido porque eu non estiven nesas conversas. Cónstame que se puxeron sobre a mesa as liñas de actuación do Partido Galego. Si podo dicir en defensa de poder falar con quen queiras, podemos elixir non falar con quen non aporte nada, e non digo isto polas persoas que nomeou. Mais falar, poder falar e ter unha relación correcta e cordial non é nada malo, outra cousa é chegar a acordos, todo isto estouno a dicir en clave Santiago de Compostela. Sobre o pasado político, se es unha persoa con gañas de implicarte na política e te moves, falas e preguntas, mesmo me parece un activo. Porque todos sabemos como funcionan os partidos tradicionais e por iso non pertencemos a eles. Nós podemos aportar á parte da experiencia profesional a nosa experiencia vital, cada un vai coa súa mochila e toda esa andaina fíxonos ser as persoas que somos agora. E hai persoas que terán a valentía de afastarse e dar un paso para adiante. Como se pode interpretar isto último? Non sei, non podo meterme na mente dos demais, son moi repectuosa das demais opinións. Tamén por desgraza sei como se manipula a experiencia vital da xente e como se adecúa o que a cada quen lle interesa saber. En definitiva, eu falo coa cidadanía que está descontenta e fago isto coa valentía de quen ten unha vivencia e a pesar de todo dá un salto para adiante.
-Estariades abertos a pactos cos partidos tradicionais?
Sobre pactos temos unha liña a seguir, falamos moito entre nós e de moitas cousas. Nós temos unha maneira de falar propia. Probablemente ningún partido teña maioría absoluta, non sei. De pactos falaremos o día 29 de maio, hoxe saímos para gañar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.