Por Europa Press / Redacción | MADRID | 12/05/2023 | Actualizada ás 17:05
O Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 impulsou, xunto coas comunidades autónomas, unha serie de medidas para crear un "escudo climático" con recomendacións como adecuar as residencias de maiores ante as ondas de calor.
Así o acordaron este venres no Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD), na que participou por videoconferencia a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García. As comunidades, que recibiron as recomendacións o pasado 5 de maio, poderán agora facer as súas suxestións ao Ministerio, as cales serán integradas antes da súa publicación.
Entre as recomendacións enviadas por Dereitos Sociais destaca a "adecuación das residencias para asegurar a dispoñibilidade de equipos e instalacións para manter as condicións de climatización". Así mesmo, ínstase as residencias a modificar os horarios de paseo, a vestimenta e garantir unha maior hidratación, e incluír estes cambios nun protocolo específico.
Igualmente, pídese garantir o acceso das persoas sen fogar á rede de refuxios climáticos, incrementar as prazas nas campañas contra a calor (do mesmo xeito que se fai nas campañas contra o frío) ou evitar a súa expulsión de espazos públicos e o peche de fontes públicas. Tamén se recomendan actuacións cara ás persoas que viven en infravivendas ou asentamentos, que inclúan a garantía de acceso continuo a auga potable e actividades socioeducativas para nenos que garantan contornas con temperaturas adecuadas e hidratación e alimentación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.