O secretario xeral do PSOE coruñés defende a expulsión de edís de Santiago: "As normas son de obrigado cumprimento"

Afirma que no partido está a "conciencia tranquila" e cuestiona que "xente do BNG" firme un documento no seu apoio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2025 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O secretario xeral provincial do PSdeG, Bernardo Fernández, manifestou que no partido teñen a "conciencia moi tranquila" en relación á decisión de expulsión definitiva do grupo municipal socialista aos edís de Santiago de Compostela Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez. "Estamos nun partido que se dota de normas que son de obrigado cumprimento para todos", expuxo a preguntas dos xornalistas con motivo dunha rolda de prensa que ofreceu este xoves.

O portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, xunto ás concelleiras Mila Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez
O portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, xunto ás concelleiras Mila Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez | Fonte: EP - Arquivo

Nela, defendeu que cando se concorre ás eleccións "preséntaste baixo unhas siglas, se alguén quere facer algo diferente e actuar de forma totalmente independente, hai mecanismos no actual marco legal". Mentres, sobre o documento de apoio a estes edís, asegurou que por parte da organización teñen "a conciencia moi tranquila de facer o posible para non chegar a esta situación, pero cando alguén se atopa totalmente á marxe das normas non queda máis que facelas cumprir".

E, aínda que trasladou o seu respecto ás persoas que optan por asinar o documento, incidiu en que lle chama a atención que firme "xente do BNG" e outros que non militan no partido nun asunto que atribuíu a unha "cuestión interna". "É verdade que iso que se pide nesa misiva eu mesmo podería asinalo se fose verdade", recalcou para soster que "o que se solicita e o que se pon aí non ten absolutamente nada que ver coa realidade, como se demostrou e como se demostrará".

Á súa vez, insistiu en que o PSOE está a ser "moi responsable" nun proceso que cualificou de "moi garantista" fronte a uns edís expulsados e que están "constantemente nos medios", dixo tras unha carta dirixida ao secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, ou coas súas anteriores críticas ao expediente. Cuestionado ata cando continuarán eses catro concelleiros, insistiu en que desde o consistorio solicitouse unha documentación, remitida o pasado día 28. "A partir de agora terá que ser xa o Concello de Santiago, en base a que xa temos remitido todo o que se nos solicitou, o que faga esa resolución".

DEFENDE O PSDEG COMO "A MELLOR OPCIÓN POLÍTICA"

Por outra banda, Bernardo Fernández, tras ser proclamado á fronte deste cargo sen ningunha candidatura alternativa, destacou o "respaldo ao traballo" desenvolvido no últimos tres anos e agradeceu o apoio. Fíxoo nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que reivindicou ao PSOE como "a mellor opción política para estar á fronte das institucións". "Imos seguir traballando centrados nas próximas eleccións municipais do próximo 2027", aseverou.

"O músculo do PSdeG está no municipalismo, por iso son tan importantes estes procesos estruturas provinciais que traballan para reforzar todas as agrupacións daqueles lugares onde os resultados non nos acompañan", expuxo tamén nunha intervención na que destacou o ostentar a Deputación da Coruña. "Hai distintas formas de gobernar e de xestionar as administracións públicas", dixo ao defender a xestión socialista e para rexeitar que fosen "desaloxados" dalgún goberno local por "mocións de censura, algunhas de difícil explicación como Muxía".

Así, recalcou que son varias as formas de xestionar. "Os que representan o non a todo, o PP, política caciquil e partidista e a que representa a Deputación Provincial da Coruña", sentenciou sobre unha xestión socialista nun goberno bipartito co BNG. "A Deputación este ano vai repartir por primeva vez máis recursos con criterios obxectivos nos 93 concellos que os que reparte a Xunta en todos os de Galicia, é un dato incontestable que fulmina a estratexia do PP", argumentou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta