Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/05/2023 | Actualizada ás 22:45
A Academia Galega de Teatro (AGT) emitiu unha nota ante a noticia de que a montaxe 'Shakespeare en Roma', producida polo Centro Dramático Galego para acudir ao Festival de Mérida. A versión desta obra será en castelán para este evento, por iso a AGT manifesta “o seu rexeitamento e incomprensión ante o abandono da lingua propia de Galicia por parte dunha institución que depende da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC)”.
No escrito lembran que entre os fins da AGADIC está precisamente “garantir o progreso da cultura galega, e nomeadamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural”.
A Academia entende que un festival da categoría como o de Mérida supón un escaparate de primeira liña precisamente para actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente. A AGT considera que o teatro galego conta con calidade demostrada e gran capacidade para proxectar a identidade galega máis alá das nosas fronteiras, “así como para contribuír ao desenvolvemento cultural do noso país”.
Segundo a Academia, os festivais internacionais son un bo espazo para “mostrar as capacidades da nosa lingua, xa que, por unha banda, o público que acode a eles está afeito a asistir a espectáculos en calquera idioma”. Xunto a isto, os organizadores contan coa estrutura técnica necesaria para ofrecer un espectáculo subtitulado sen menoscabo da función. A representación en galego suporía unha oportunidade incomparable para recoñecer a pluralidade lingüística “como principio básico da organización do Estado”.
A AGT declara que renunciar ao emprego da lingua na que se creou un espectáculo escénico “supón corromper a experiencia artística que se deriva da súa contemplación”. Que o faga unha compañía institucional “significa asumir unha posición de subordinación do galego que resulta inadmisible nunha entidade pública e que contravén a Lei de Normalización Lingüística”.
A Academia Galega de Teatro pide ao Centro Dramático Galego recapacitar e rectificar unha decisión “a todas luces lesiva para a lingua, para o teatro e para a cultura de Galicia”. Por último, convida á compañía a presentar a súa produción na lingua na que foi proxectada, realizada e ofrecida ao público en todas as súas representacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.