Baltar culpa a un xefe xubilado da "mala praxe" do seu parque móbil que acumula numerosas multas

O PSdeG presentou unha denuncia ante a xustiza polo que consideran "continuado uso ilegal e irregular" dos coches oficiais da Deputación. A muller e a filla deste antigo chofer de Baltar foron identificadas como condutoras dun dos seus coches oficiais cazado a 179 e 171 km/h.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2023 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense admite que houbo "mala praxe" na xestión do seu parque móbil, despois de transcender que a muller e a filla do que era o seu antigo responsable, agora xubilado, foron identificadas como condutoras dun vehículo oficial detectado a 179 e 171 quilómetros por hora. En todo caso, a institución provincial culpa ao ex traballador e asegura que el, citado no Pazo Provincial, asumiu que ten a responsabilidade, ademais de lamentar os danos causados á institución.

Así o trasladou nun comunicado remitido aos medios, despois de que a Cadena SER fixese público que estas familiares do antigo chofer do presidente da Deputación e dos populares na provincia, Manuel Baltar, foron identificadas pola Deputación como as condutoras dun dos coches oficiais que usa o dirixente ourensán cando dito vehículo foi detectado con exceso de velocidade en dúas ocasións, en 2021 e 2022.

Rueda e Baltar nun paseo por Xinzo.. Agostime - Europa Press
Rueda e Baltar nun paseo por Xinzo.. Agostime - Europa Press

XULGADO

O Partido Socialista de Ourense presentou unha denuncia ante a xustiza polo que consideran "continuado uso ilegal e irregular" dos coches oficiais da Deputación de Ourense que habitualmente conduce o presidente provincial, Manuel Baltar.

Os socialistas, co seu secretario provincial en Ourense e candidato en San Cibrao das Viñas, Rafael Villarino, adoptaron esta decisión ante o que ven como un "carrusel de irregularidades" coñecidas durante as últimas semanas ás que, segundo sinalan, Baltar contestou "unicamente con máis mentiras e máis falsidades". "Estamos ante unha trama continuada dun mentireiro compulsivo", criticou o tamén portavoz socialista na deputación.


EXPEDIENTE INFORMATIVO INTERNO

Despois de transcender o caso, a institución provincial defendeu que solicitou ao secretario xeral da Administración provincial, mediante un escrito, solicitar os datos oportunos en relacións coa información publicada este venres pola Cadena SER, así como as responsabilidades que puidese derivarse na xestión deste procedemento.

Segundo a versión da institución provincial, o secretario abriu un expediente informativo para concretar as investigacións destes feitos, certificando neste proceso que "non consta rexistro oficial algún de identificación" dos condutores sancionados, sendo este procedemento "unha responsabilidade do antigo xefe do parque móbil", xubilado en decembro de 2022.

A DEPUTACIÓN ALEGA QUE BALTAR RESOLVEU "PERSOALMENTE" As súas INFRACCIÓNS

Finalmente, a institución provincial mantén que "nas tres ocasións anteriores en 11 anos e medio" á fronte da Presidencia da Deputación provincial que recibiu unha infracción administrativa resolveuno "persoalmente".

RUEDA AGARDA

Pola súa banda, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, emprazou a esperar ao resultado da investigación anunciada pola Deputación de Ourense. A preguntas dos xornalistas nun acto en Ordes, cualificou este feito de "irregularidade" e engadiu que "o que ten que facer a Deputación é o que anunciou, abrir unha investigación".

"Se é un coche oficial e conducían persoas non habilitadas é unha irregularidade que se debe investigar", engadiu o presidente do PPdeG para quen hai que esperar "a ver o que resulta da investigación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta