Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2023 | Actualizada ás 19:25
Diferentes parques comarcais de bombeiros permaneceron pechados este martes por falta de persoal ante a negativa dos profesionais a realizar horas extra para deixar en evidencia a escaseza de traballadores suficientes, a dous días de que comece a folga indefinida autonómica --que arrinca o día 15--.
Así, pecharon dous dos catro parques da provincia de Pontevedra do Consorcio, en concreto trátase os de Vilagarcía e O Morrazo --están operativos os de Ribadumia e O Porriño--. Igualmente, o parque de Xinzo da Limia, que dá cobertura a 13 municipios, quedou por baixo do mínimo legal de tres membros, con só dous cabos.
Mentres, en declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa da Coruña, Javier Fontenla, explica que na provincia negócianse os servizos mínimos para a provincia, aínda que se prevé que sexan os habituais de tres efectivos, tal e como ocorre nas provincias que xa están en folga en Pontevedra e Lugo.
Denuncia que "non se cobren mínimos" de persoal, sen investimento nos parques comarcais do Consorcio --dependen ao 50% de Xunta e deputacións--. Na provincia da Coruña son 10 parques cuns 180 traballadores, aos que se suman entre 20 e 30 interinos. Entre as mobilizacións destes traballadores, nas últimas horas apareceu un traxe de bombeiro colgado na porta da Deputación de Ourense para reclamar condicións "dignas".
Preto de 500 bombeiros comarcais de ao redor de 25 parques están chamados a secundar unha folga indefinida autonómica desde este xoves, 15 de xuño. Reclaman que se cumpra unha sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado para a conversión a persoal laboral fixo dos efectivos, así como un convenio autonómico coas mesmas condicións para os traballadores, unido a mellora de medios e aumento de persoal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.