Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2023 | Actualizada ás 10:13
A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) reclama ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que pague o prorrateo correspondente das gardas médicas aos facultativos mentres se atopen de baixa por incapacidade temporal, despois de que o Tribunal Supremo resolvese --por mor de senllos casos noutras autonomías-- que forman parte das retribucións fixas.
Ademais, a través dun comunicado, esta central reclama á Xunta que modifique a lei de orzamentos de Galicia deste 2023, porque "impide que se reciba esta retribución". CESM Galicia considera que isto é "unha clara discriminación" en comparación a outros empregados públicos, tendo en conta que a lei de medidas que acompañou aos orzamentos do ano 2018 xa contemplou no seu artigo 6 que o persoal estatutario do Sergas podían percibir a media das retribucións variables derivadas de gardas, noites e festivos cando estivesen de baixa por maternidade, paternidade ou embarazo de risco.
Neste contexto, o sindicato médico remítese á lei estatal para a igualdade de trato e a non discriminación, do ano 2022, porque establece que a enfermidade non pode amparar diferenzas de trato. Por iso, pide que esta norma "prevaleza" sobre os orzamentos galegos e que se abone o prorrateo das gardas por incapacidade temporal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.