Feijóo tira do poder municipal nas listas do 23X ao Senado

Os alcaldes de Ribeira, Mos, Pereiro de Aguiar ou Lalín van nas listas ao Senado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2023 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

As listas do PP ao Senado para as eleccións xerais do 23 de xullo inclúen como candidatos aos alcaldes de Lalín, Mos, Guntín e Pereiro de Aguiar, que nas pasadas municipais conseguiron senllas maiorías absolutas, así como ao rexedor en funcións de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, unha saída que busca achandar un pacto cos independentes escindidos das filas populares para reter esta alcaldía.

O PP en Ribeira quedou a un concelleiro da maioría absoluta o pasado 28 de maio, mentres que os independentes do PBBI lograron cinco actas, a mesma cantidade que o BNG, mentres que o PSdeG quedou cun edil. Aínda que a alcaldía é compatible cun posto no Senado, a marcha de Ruiz Rivas tenta desbloquear un achegamento aos independentes disidentes das propias filas populares.

Así, Ruiz Rivas figura no número tres da lista ao Senado pola provincia da Coruña, por detrás de quen foi portavoz municipal do PP coruñés Rosa Gallego e da ferrolá Verónica Casal Míguez, que xa figurou nas listas á Cámara alta das xerais de 2019. Como suplente un figura o candidato do PP á Alcaldía da Coruña, Miguel Lorenzo, que foi senador.

Os alcaldes de Lalín, Xosé Crespo, e de Mos, Nidia Arévalo, que nas pasadas municipais lograron maioría absoluta, figuran nos números dous e tres ao Senado por Pontevedra, lista que encabeza a deputada provincial María José Pardo Pumar. Desaparecen da lista Miguel Fidalgo e Pilar Rojo, expresidenta do Parlamento galego.

Outro alcalde con maioría absoluta, Luís Menor, rexedor de Pereiro de Aguiar, tamén optará a unha praza no Senado pola provincia de Ourense, onde aspira a volver ter un asento Carmen Leyte, exalcaldesa de Cartelle. Debuta na terceira praza Rosa Sánchez Gándara, procedente da Confederación de Empresarios de Ourense.

Tamén con maioría absoluta nas municipais do 28 de maio, a alcaldesa de Guntín, María José Gómez Rodríguez, aspira a un posto na Cámara alta como senadora por Lugo, lista que volve encabezar José Manuel Barreiro. Juan Serrano López, exalcalde de Portomarín, que xa foi senador por designación autonómica, completa a lista ao Senado do PP por Lugo.

CONGRESO

En canto ao Congreso, a incorporación do vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, á cabeza da lista pola Coruña, despraza un posto a Marta González e a Tristana Moraleja.

En cuarta posición figura Álvaro Pérez López, un dos estreitos colaboradores de Alberto Núñez Feijóo que se marchou con el a Madrid ao asumir o liderado do PP nacional. Entra na quinta praza o deputado autonómico Adrián Pardo, presidente de Novas Xeracións. Da lista por esta provincia cae María Valentina Martínez Ferro.

Da candidatura de Lugo cae Joaquín García Díez, provincia na cal a entrada como número un do ata agora vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, despraza á segunda praza a Jaime de Olano.

Outro tanto lle ocorre ao deputado ourensán Celso Delgado, que se ve desprazado da segunda á terceira praza na lista por Ourense, na que como número uno repite Ana Belén Vázquez Branco e entra como número dous a actual conselleira do Mar da Xunta, Rosa Quintana.

Ana Pastor volve encabezar unha candidatura por Pontevedra na que en segundo posto figura a concelleira electa por Vigo e exsecretaria de Estado de Economía, Irene Garrido, e en terceira posición, o portavoz do grupo parlamentario do PPdeG, Pedro Puy Fraga. Cae da lista por Pontevedra Diego Gago Bugarín.

Arquivo -. PP A Coruña - Arquivo
Arquivo -. PP A Coruña - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta