Continúan os cambios en departamentos da Xunta tras a saída dos conselleiros fichados por Feijóo

O xornalista Xosé Manuel Merelles dirixirá Turismo de Galicia e José Antonio Álvarez presidirá Portos. A súa anterior titular cesa por "petición propia", segudo Rueda.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2023 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O xornalista Xosé Manuel Merelles será o novo director da Axencia Turismo de Galicia da Xunta, posto que estaba vacante despois da saída de Nava Castro para asumir a Alcaldía de Ponteareas (Pontevedra).

Ademais, José Antonio Álvarez Vidal, ata agora xefe territorial da Consellería de Infraestruturas na Coruña, será o novo presidente de Portos de Galicia en substitución de Susana Lenguas.

Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión semanal do seu Goberno, na que se completou esta renovación de altos cargos da Administración autonómica, en parte motivada polos movementos nas filas do PP que chegaron, directa ou indirectamente, tras as pasadas eleccións municipais do 28 de maio.

Susana Lenguas, ata agora presidenta de Portos de Galicia, deixa o cargo "a petición propia", segundo aclarou Rueda, quen lle agradeceu o seu traballo durante "todos estes anos", desde xullo de 2019.

Daralle a substitución o ferrolán José Antonio Álvarez Vidal, funcionario do corpo superior da Xunta desde 1985. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), ocupou varios cargos na Administración durante décadas e, desde 2018, era xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na Coruña.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparece tras a reunión semanal do Consello
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparece tras a reunión semanal do Consello | Fonte: XUNTA - Europa Press

TURISMO

Mentres tanto, a saída de Nava Castro de Turismo de Galicia, cargo no que permaneceu unha década, leva o nomeamento de Xosé Manuel Merelles como novo director desta axencia da que era xefe de Comunicación.

Natural da Rúa (Ourense), é licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou en varios medios de comunicación ata a súa chegada á Xunta en 1991, como redactor do gabinete de Presidencia. Exerceu tamén como xefe de prensa na entón Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e na sociedade autonómica Sogama. Desde xaneiro de 1999, era o responsable de Comunicación da Axencia de Turismo de Galicia.

Estes novos nomeamentos chegan o mesmo día en que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o acordo do Consello da semana pasada polo que se designou directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a Covadonga Toca, en substitución de Fernando Guldrís.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta