Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2023 | Actualizada ás 01:45
O director xeral de Turismo, Xosé Manuel Merelles, participou este sábado na celebración da XXXVII edición do remonte conmemorativo da Traslatio, na que indicou a "importancia desta ruta para impulsar Galicia como destino turístico".
Merelles lembrou que a Xunta asinou un convenio coa Asociación Clubs Náuticos de Galicia para a promoción da Ruta Traslatio, que no marco das accións de xuntanza en destino do Plan Xacobeo Next Generation, destina a este proxecto 1,3 millóns de euros co obxectivo de impulsar a Galicia como destino náutico.
O convenio ten como obxectivo revalorizar os activos turísticos vinculados á Ruta Traslatio, con accións de mellora da eficiencia das infraestruturas portuarias, rehabilitación de infraestruturas e a dixitalización de recursos para optimizar a experiencia do visitante náutico a Galicia.
Forman parte deste proxecto os portos náuticos de Ribeira, O Grove, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo.
"Desde a Xunta temos moi clara a importancia que ano tras ano está a coller o turismo náutico e queremos facer de Galicia unha potencia turística para o sector", salientou o director de Turismo.
A Ruta Traslatio constitúe unha das dez rutas xacobeas oficialmente recoñecidas e a única que existe polo mar. Termina cun remonte polo río Ulla co que se conmemora a chegada a Galicia, por mar, do corpo do Apóstolo Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.