Confirman a pena de 12 anos e medio de cárcere para a condutora que causou o dobre accidente mortal de Ribeira

Ademais da pena de prisión, o TSXG tamén confirmou a condena relativa á privación, durante oito anos, do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores, o cal comporta a perda do permiso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2023 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que, de acordo co veredicto do xurado, condenou a 12 anos e medio de cárcere á condutora que causou o dobre accidente mortal de Ribeira ocorrido en maio de 2019.

En concreto, a acusada foi considerada culpable de dous delitos de homicidio doloso, en concurso cun delito contra a seguridade viaria. Ademais da pena de prisión, o TSXG tamén confirmou a condena relativa á privación, durante oito anos, do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores, o cal comporta a perda do permiso.

Segundo o relato de feitos probados da sentenza, a muller conducía sobre as 18,35 horas do 5 de maio de 2019 pola estrada AC-305, que une Padrón e Ribeira, cando, á altura de Palmeira, ao tomar unha curva á dereita, invadiu o carril de sentido de circulación contrario e chocou frontalmente contra outro coche no que viaxaba unha parella nova, un home e unha muller, que faleceron como consecuencia do impacto.

Os membros do xurado entenderon acreditado que a acusada circulaba a unha velocidade dun 130 km/h, cando o límite de velocidade establecido era de 70 km/h, e baixo os efectos do alcol e de fármacos antidepresivos e antipsicóticos.

No seu auto, o TSXG subliña que "comparte plenamente o razoamento" do Tribunal do Xurado, que entendeu que non se trata de "unha cuestión de falta de destreza ao volante polo consumo de alcol e fármacos, se non de voluntaria e consciente xeración dunha situación de gran risco para os demais usuarios da vía, e de aceptación do mesmo e dos seus eventuais resultados ao persistir na conduta perigosa".

Así, recalca que "se trata dunha decisión ben explicada, razoable e que atopa apoio nunha proba contundente". Por tanto, rexeita a primeira alegación da recorrente, quen indicou que, se se acepta que estaba afectada na súa capacidade para conducir, "habería de estenderse á súa imputabilidade, devaluando a súa capacidade de entendemento e vontade en relación coa acción que executaba".

COMPORTAMENTO ANTES DO ACCIDENTE


Con todo, o alto tribunal galego móstrase conforme coa sentenza da Audiencia Provincial, na que consta que, antes do accidente e segundo varias testemuñas, a muller xa circulaba "de forma perigosa para os demais usuarios da vía, a velocidade superior á permitida e invadindo parcialmente en ocasións o sentido contrario, obrigando a outros vehículos a apartarse ou separarse do seu camiño para evitar o risco de colisión".

Os membros do xurado, tal e como explicou a Audiencia, entenderon que actuaba así "porque lle resultaba indiferente se desta forma causaba un accidente e lesionaba ou mataba a outros" e aseguraron que "sabía que era moi probable que se producise un choque frontal cun vehículo que viñese no sentido contrario se tomaba esa curva a esa velocidade e nas condicións nas que se atopaba para conducir, a pesar do cal, seguiu conducindo dese modo, aceptando así que puidese producirse o resultado que ao final se produciu".

O TSXG conclúe que "existe proba suficiente válidamente obtida, e de significado incriminatorio, que permitiu ao tribunal razoar de forma coherente co actuado a condena por un delito doloso, sequera nese nivel eventual, e non imprudente, nos termos apuntados, polo que non existe tampouco a vulneración do dereito á presunción de inocencia".

A acusada polo dobre accidente mortal de Palmeira fronte ao xuíz Ángel Pantin na Audiencia Provincial / César Argina / Europa Press
A acusada polo dobre accidente mortal de Palmeira fronte ao xuíz Ángel Pantin na Audiencia Provincial / César Argina / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta