Ferrol pide máis de 500.000 euros á Xunta para levar adiante obras "de emerxencia" no estadio da Malata

O alcalde, José Manuel Rey Varela, asegurou que cando chegou á Alcaldía o mes pasado veu "graves deficiencias nos medios de evacuación, nas instalacións eléctricas e a metade da obra sen pagar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2023 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

A xunta de goberno local de Ferrol aprobou este luns a execución de obras de emerxencia no estadio da Malata, ademais de solicitar á Xunta unha subvención de 550.000 euros para poder acometelas.

A decisión responde as esixencias da liga de Fútbol Profesional ao Racing, ao que lle pediu que emende unha serie de deficiencias detectadas na instalación (de propiedade municipal) para poder disputar os partidos como local en Segunda División.

O alcalde, José Manuel Rey Varela, asegurou que cando chegou á Alcaldía o mes pasado atopouse "a bancada norte paralizada, graves deficiencias nos medios de evacuación, nas instalacións eléctricas e a metade da obra sen pagar debido a unha evidente falta de planificación".

Con todo, salientou a "comunicación" e "colaboración" co club ferrolán "desde o momento da notificación por parte da liga de Fútbol Profesional" para "conseguir a mellor solución para que o equipo poida xogar na Malata canto antes".

O rexedor engadiu que "a situación económica que nos atopamos, sen previsión de investimentos no estadio, fixo moi complicado realizar as obras", pero agradeceu a colaboración do presidente e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e Diego Calvo, para "poder levalas a cabo".

A Xunta tamén aprobou a solicitude de subvención de 550.000 euros para poder executar estas obras "de emerxencia", que comezarán, avanzou, "nos próximos días".

DEMOLICIÓN

Ademais, entre outros asuntos tratados no órgano de goberno, autorizouse o proxecto de demolición dun edificio na rúa San Francisco (nº 4) "para os efectos de execución subsidiaria". O alcalde explicou que este inmoble era "un dos dous problemas que existían para que as obras de reurbanización da rúa puidesen acabar en prazo e non perder fondos europeos.

O custo da demolición é de 185.000 euros e, ante a negativa da propiedade a realizala, levaraa o Concello de maneira subsidiaria para reclamar despois os custos. Por outra banda, tamén se deu luz verde á instalación dun ascensor no local social da parroquia de Mandiá, cumprindo así un acordo municipal do ano 2021, informou o rexedor. Terá un custo de 56.000 euros, financiarase co POS da Deputación e adxudicarase antes de novembro, segundo Rey Varela.

A Malata, campo do Racing de Ferrol
A Malata, campo do Racing de Ferrol | Fonte: JonnyJonny - Wikipedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta