Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/07/2023 | Actualizada ás 22:27
Xuño de 1990. Unha macro operación policial contra o entramado do contrabando e da droga en Galicia remata con 16 persoas detidas, entre elas, Marcial Dorado, o coñecido contrabandista amigo de Feijóo. A "Operación Rodríguez", logo coñecida como 'Operación Nécora' , dirixida polo xuíz Baltasar Garzón, leva a prisión ao coñecido narcotraficante Laureano Oubiña e a dous supostos cómplices sorprendidos en Madrid, os empresarios Carlos Goyanes e Celso Barreiros Rodríguez.
Tamén irán a prisión Ramiro Sánchez Casas, José Paz Carballo, Ramón Longa Vidal, José Longa Vidal, Albino Paz Vid, Miguel Rivero González, José Manuel Padín Gestoso, Delmiro Paz Castro, Narciso Fernández Hermida, Ramón Javier Lorenzo Viñas, Álvaro Rodríguez Franco, Daniel Carballo Conde, Manuel Charlín Pomares e o xibraltareño John lan Azopardi. Moitos deles, xa coñecidos pola Policía pola súa vinculación co contrabando de tabaco e os inicios xa do tráfico de drogas.
Marcial Dorado era xa entón moi coñecido na comarca da Arousa polo contrabando de tabaco. A Policía desconfiaba xa do seu paso ao tráfico de drogas. Uns días despois queda en liberdade baixo fianxa de catro millóns de pesetas tras declarar na Audiencia Nacional. Confirman a súa vinculación co contrabando de tabaco pero os indicios contra Dorado por tráfico de droga son débiles, aínda que se manteñen os cargos, ao parecer relacionados coa introdución en España dunha partida de haxix.
OS XORNAIS XA FALABAN DE MARCIAL DORADO
Esta noticia apareceu nos principais xornais do Estado, El País, La Vanguardia, La Voz de Galicia ou El ABC deron conta destas detencións, entre elas, a de Marcial Dorado. De feito, houbo 66 informacións en La Voz de Galicia, 18 de El País, 20 do ABC e 19 da Vangarda falando da vinculación de Dorado co contrabando de tabaco e o tráfico de drogas.
Os xornais destacaban que Dorado era o presunto xefe do contrabando na illa de Arousa, con importantes conexións en Suíza. "Hai pouco máis dunha década estaba aínda case na miseria e agora considéraselle o número un do contrabando de tabaco e tamén forma parte, presuntamente, do tráfico de droga", recollía o 13 de xuño de 1990 unha información de El País.
Curiosamente, uns días antes, Dorado achegouse a unha mesa instalada na illa de Arousa para recoller firmas contra a droga. Alí estampou a súa e entregou 20.000 pesetas aos integrantes da mesa para axudar na rehabilitación de drogodependentes nun momento no que na comarca da Arousa comezaba a morrer toda unha xeración, "a xeración perdida", vítimas da heroína. Unha xeración que tentou defender a vento e marea unha desas nais coraxes, Carmen Abendaño, presidenta da Fundación Érguete, e que perdeu dous fillos por mor das drogas neses anos.
E FEIJÓO INSISTE...
Feijóo, coñeceuno catro anos máis tarde por mediación de Manuel Cruz, chofer da Consellería de Sanidade da que era titular o padriño político de Feijóo, Romay Beccaría, e na que Feijóo tiña un alto cargo. Cruz tamén estivo vinculado aos grandes narcotraficantes galegos, ademais de ter un pasado vinculado á ultradereita durante a transición.
E, a pesar diso, o líder do PP volveu dicir que que, cando coñeceu a Marcial Dorado, "non pesaba ningunha acusación contra el naquel momento". Unha declaración que, as hemerotecas volven desmontar porque, cando menos, Dorado fora xa procesado no marco da Operación Nécora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.