Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/07/2023 | Actualizada ás 23:06
Marchou a Madrid coa encomenda de resucitar un PP que estaba no ostracismo tras as últimas eleccións xerais. Pero a nova viaxe política de Alberto Núñez Feijóo acabou en fracaso. Gañou as eleccións pero non coa solvencia que agardaban na sede Xénova, nin as que lle daban todas as enquisas, agás a do odiado Tezanos, no CIS, que, finalmente, resultou que non estaba moi errado.
É a primeira gran derrota electoral de Feijóo despois de tres maiorías absolutas en Galicia. Pero Galicia non é España, nin España é Galicia. A dirección popular estaba convencida de que ían estar por riba dos 150 escanos que, sumados aos de Vox, lle daban para ter o goberno de España. Pero os resultados están moi lonxes destes vaticinios.
É certo que o PP gañou as eleccións e conseguiu reverter o fracaso histórico de Pablo Casado, pero as contas non lle dan para gobernar, e menos, co apoio de Vox. E todos miran para a estratexia final de Feijóo, especialmente, na última semana, na que as "mentiras" do ex presidente e a súa foto co narco Dorado puideron servir de rebulsivo para mobilizar á esquerda e, especialmente, cun voto útil para o PSdeG.
Con todo, o seu futuro está ligado ás forzas nacionalistas, especialmente, cataláns e vascos, cos que mantivo enconados encontronazos nesta campaña electoral. En Cataluña, o nacionalismo tamén sacou un moi mal resultado. ERC case que perdou a metade dos seus deputados, as CUP perden os seus dous escanos e os independentistas de Junts tamén se deixaron outro deputado. O gran gañador foi o PSOE. Algo que lle pode pasar factura a Sánchez se o nacionalismo catalán decide non apoiar a candidatura de Pedro Sánchez. Junts xa dixo que non. E isto pode avocar a unha novas eleccións.
No polo oposto están os partidos nacionalistas vascos que manteñen novamente o tirón. EH-Bildu, a quen os populares deron gasolina electoral con iso de "que te vote Txapote", aumentou un escano, o que perdeu o PNV, co que o nacionalismo vasco matén o mesmo poder no Congreso español que xa tiña.
PEDRO SÁNCHEZ, O "ESTRATEGA"
Finalmente, o gran estratega resultou ser Pedro Sánchez, que decidiu anticipar as eleccións para evitar a debacle electoral que viviu nas eleccións locais e autonómicas no conxunto do Estado. E a estratexia funcionou. O PSOE non só mantivo os resultados de hai catro anos, senón que os aumentou o que lle pode dar, novamente, a Presidencia do Goberno español.
Tamén mantivo o tipo Sumar de Yolanda Díaz, unha formación que conseguiu evitar tamén a caída masiva de votos que se lle pronosticaba á esquerda se ía dividida, especialmente, se se presentaba Podemos. En dous meses de vértixe, Sumar conseguiu case manter os resultados que Unidas Podemos tivo hai catro anos cunha baixada de sete escanos.
E o gran derrotado é Vox que se deixa case 20 deputados. A ultradereita, cunha campaña centrada en reverter boa parte das políticas progresistas do actual goberno español , non conseguiu servir de revulsivo nin de ser o socio útil de Feijóo que conseguiu roubarllle boa parte do seu electorado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.