Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2023 | Actualizada ás 23:39
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuito celebra o seu 20 aniversario cunha edición que, entre o 3 e o 8 de outubro, presentará en diversos lugares de Santiago novidades como unha nova sección e unha nova identidade visual.
Curtocircuito está organizado polo Concello de Santiago (Compostela Cultura) e conta co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, AGADIC ou o ICAA. Nesta edición, explican nun comunicado, o festival ofrecerá un modelo "compacto" que terá o seu eixo nunha ampla Sección Oficial chamada Cosmos. Esta concentrará os films que anteriormente acollían Explora, Radar ou Penínsulas.
"A vontade de Cosmos é romper as barreiras dos xéneros e a procedencia territorial para pór as cintas a dialogar sen límites. Cosmos nace para levar a Curtocircuito a unha nova etapa onde o cinema narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros temas vixentes da nosa sociedade teñan un espazo para a visibilidade e a reflexión", argumentan.
NOVA IDENTIDADE VISUAL
Ademais, presentan unha nova identidade gráfica, realizada polo deseñador eenyakee en colaboración coa dirección artística do festival e que definen como "atemporal, que cabalga entre a liña do moderno e o clásico e acepta sen dificultades un desenvolvemento futuro".
Segundo o propio deseñador, "o novo logotipo parte da letra O para xerar un xogo que lembra a un efecto fractal, á dispersión da luz, a un faro e a outros efectos lumínicos". "A narrativa dos carteis retoma o campo semántico dos territorios inexplorados, texturas descoñecidas, mapas, etc., resultando unha paisaxe abstracta que suxire novos camiños, tempos novos", explica.
Doutra banda, entre outras accións especiais, para celebrar o seu 20º aniversario, Curtocircuíto recupera a súa canle en Filmin. Presentarase un programa de 20 pezas; unha selección dos mellores films curtos das últimas dúas décadas, innovadores, rupturistas e visionarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.