Por E.P. | PONTEVEDRA | 09/08/2023 | Actualizada ás 14:17
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, deu conta este mércores en rolda de prensa do informe elaborado de oficio pola Secretaría do Pleno no que tomba a moción que o grupo municipal do PSOE en Pontevedra levará ao próximo pleno para solicitar o traslado definitivo do mercadillo ambulante á Alameda.
A moción presentada pola concelleira Yoya Branco, responsable de mercados no anterior mandato, solicitaba a modificación do artigo 5 da ordenanza de venda ambulante vixente, que data do ano 1997, para establecer a Alameda como lugar principal para a organización deste mercadillo, así como establecer Campolongo como lugar alternativo cando a Alameda estea ocupada con outras actividades. Así mesmo, piden tamén incluír estes emprazamentos no texto da nova ordenanza, que se atopa en trámite de aprobación.
O informe da Secretaría do Pleno establece a "inviabilidade" da proposta presentada polo PSOE. Concretamente, nas súas conclusións o informe di que "a proposición presentada contempla unha alegación á ordenanza en tramitación presentada despois do prazo de exposición pública. Procedería, por tanto, a súa inadmisión por extemporánea".
"INSTRUMENTALIZADOS"
Anabel Gulías asegurou que no Goberno Local de Pontevedra "lamentamos profundamente" a situación xerada e advertiu aos vendedores ambulantes que "creo que neste momento están a ser instrumentalizados, utilizados politicamente".
A concelleira de Promoción Económica apuntou que "se se lles está dicindo que isto vai ser cuestión de días, que no próximo pleno vaise a arranxar, teñen que saber que é falso, que non é certo e que xa non é unha cuestión de opinión senón técnica".
AVENIDA DE BUENOS AIRES
A concelleira de Promoción Económica lembrou que "segue en pé" a proposta de situar a feira na avenida de Buenos Aires como emprazamento alternativo que "estamos dispostos a facilitar para canto antes sexa posible", dixo. "Eu son concelleira de Pontevedra non son concelleira da feira" subliñou Anabel Gulías antes de lembrar que a proposta do Concello despois de consultar a todos os sectores afectados "é buscar unha localización que xere sinerxías".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.