Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/08/2023 | Actualizada ás 21:00
En plenas datas de Perseidas o persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC ofrece baixo o título ‘Noites Astronómicas’ sesións de divulgación en diferentes localidades galegas. Durante o mes de agosto levaranse a cabo un total de 6 sesións.
A primeira terá lugar en Lalín e coincidirá ca noite das Perseidas do sábado 12 de agosto. A localización débese á recente certificación como Destino Turístico Starlight, o quinto de Galicia, nun recoñecemento que foi posible grazas ao traballo de campo desenvolvido polo persoal do OARMA e do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), no que tamén participa a USC.
A sesión de divulgación organizada polo Concello de Lalín, será conducida polo director do Observatorio, José Ángel Docobo Durántez, e polo investigador Pedro Pablo Campo e incluirá observacións a simple vista e observacións telescópicas de obxectos como estrelas dobres, cúmulos estelares, nebulosas e mesmo do planeta Saturno. Desenvolverase a partir das dez da noite no alto de Rodelas, dende onde se pode observar unha espectacular panorámica da Vía Láctea a simple vista.
Ademais, están previstas outras cinco sesións de divulgación astronómica que contarán tamén coa participación do investigador Xabier Pérez Couto. Terán lugar no alto de San Bartolomeu do concello de Santa Comba, o venres 18; en Allariz, o luns 21; no Observatorio da vila en Lalín o mércores 23; no paseo de Silgar de Sanxenxo o xoves 24; e en Rianxo o venres 25 de agosto.
Esta última sesión en Rianxo coincidirá coa inauguración da mostra fotográfica ‘Xoias do Ceo’ de Francisco Javier Cerdán Núñez. A exposición, que inclúe imaxes de estrelas, estrelas múltiples, cúmulos estelares, distintas nebulosas pertencentes á Vía Láctea e fotografías doutras cinco galaxias diferentes, conta con textos explicativos elaborados polo persoal do OARMA e poderá ser visitada durante todo o mes de setembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.