Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/08/2023 | Actualizada ás 18:23
O deputado autonómico do BNG Iago Tabarés denuncia que a "falta de medios materiais e persoais" dos consorcios provinciais obrigan ao "peche" dalgúns parques comarcais de bombeiros en pleno verán, por exemplo os do Morrazo e Vilagarcía de Arousa.
Neste contexto, o nacionalista esixe á Xunta que deixe a súa "intransixencia e descoido" nesta materia e negocie cos traballadores, que levan en folga desde mediados de xuño para reclamar un convenio colectivo único para as catro provincias.
Tabarés lembra o ocorrido o martes en Cangas, onde un incendio na zona da antiga conserveira de Massó obrigou a mobilizar aos bombeiros do parque con sede no Porriño porque o do Morrazo, situado en Bueu, non estaba dispoñible esa xornada por falta de efectivos mínimos.
O deputado nacionalista, que xa rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego sobre a situación dos parques comarcais, insiste en que a Xunta debe rectificar "a súa postura de intransixencia" e sentar a negociar para "respectar as condicións laborais" e "velar tamén pola seguridade das persoas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.