Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2023 | Actualizada ás 14:12
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, restou importancia ao adiamento, por orde de Ferraz, do proceso de primarias no seo do partido en Galicia para elixir candidato á Xunta ata a celebración da sesión de investidura e a eventual formación de Goberno.
"O PSOE agora mesmo está centrado no desenvolvemento de políticas que permitan mellorar a calidade de vida dos cidadáns", sinalou, a preguntas dos xornalistas, e ante unha cita que estaba prevista para o domingo 17 de setembro e co lucense José Ramón Gómez Besteiro como a persoa que soa con máis forza para postularse como aspirante.
Lage non concretou unha posible nova data para as primarias, ao ser cuestionado por iso, e recalcou que agora a "atención" céntrase no proceso de investidura en España. "Esperamos que canto antes haxa un goberno e que estea presidido por Sánchez", apostilou.
Por outra banda, remarcou a presenza dos socialistas á fronte do goberno en "cen concellos", así como en dúas deputacións provinciais. "Para responder as necesidades que teñen os galegos e galegas", engadiu ao incidir en que o PSOE está "centrado" nisto e que esa é a súa "folla de ruta".
FEIJÓO
Por outra banda, sobre o feito de que o Rei propuxese ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, como candidato á investidura, manifestou que se está producindo un "escenario lóxico" dentro da constitución das cortes xerais.
"É evidente que non hai unha maioría que apoie a Feijóo", asegurou Lage, quen aseverou que "ten dereito a tentar un proceso de investidura". "Imos ser respectuosos, o que necesita España é que se conforme un goberno progresista, con Sánchez á cabeza, é desexable que haxa goberno e non haxa que repetir eleccións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.