Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2023 | Actualizada ás 12:47
Un retrato escénico contra o acoso escolar e a homofobia, que busca brindarlle ao público unha reflexión a favor tanto da empatía como da aceptación da diversidade, é a nova proposta de Redrum Teatro, 'O pequeno pónei', que se converterá na súa montaxe treatral número 17.
A compañía inicia esta semana os ensaios deste novo espectáculo que, dirixido e adaptado por Alex Sampayo, traerá ao galego este texto do dramaturgo Paco Bezerra (Almería, 1978), unha das voces máis destacadas do panorama escénico estatal e o autor máis novo en conseguir o Premio Nacional de Literatura Dramática, en 2009.
A montaxe, protagonizado por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, estrearase o próximo 13 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo, no marco do Festival Internacional de Teatro de Outono (FIOT). Posteriormente, a obra representarase o 15 de outubro no Teatro Principal de Ourense e os días 26 e 27 dese mesmo mes no Salón Teatro de Compostela, sede do Centro Dramático Galego.
Con 'O pequeno pónei', Redrum Teatro volve escoller un texto que pon o foco nos nenos e na súa vulnerabilidade fronte aos diversos perigos que padecen os menores no seo dunha sociedade incapaz de brindarlles protección. Se en Hamelin (anterior montaxe da compañía) o punto de mira sitúase nos abusos sexuais, agora as miradas diríxense ao acoso escolar, cun texto do que emana unha mensaxe en defensa dos dereitos LGTBI+ nos contextos da intolerancia na contorna educativa e da incomprensión familiar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.