Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 06/09/2023 | Actualizada ás 20:00
A inestabilidade nos prezos dos combustibles semellaba ternos abandonado dende que a guerra de Ucrania deixou de aparecer nos medios de comunicación e a comunidade internacional deixou de falar do seu impacto nos prezos da enerxía. Sen embargo, despois de un verán no que xa parecía que se ía anunciando a que se nos viña enriba, setembro chega cun moi mal prognóstico: o prezo do litro de gasolina en Galicia custa, de media, 1,751 euros; e o de diésel, 1,648. Isto supón case seis céntimos e case dez máis, respectivamente, que ao comezo do mes de agosto.
Cos petos xa apretados polo que setembro supón históricamente para os fogares: a volta ao cole, o retorno das vacacións de verán, a preparación para as compras do Nadal... Este ano parece que tocará ser aínda máis conservadores, pois os salarios non suben, pero nós temos que pagar o litro de carburante bastante máis caro que hai tan só dous anos. No 2021 o litro de gasolina 95 custaba nas estacións de servizo galegas 1,449 euros (a frioleira de 30 céntimos menos que na actualidade), e o de gasóleo A, 1,296 (uns 35 céntimos menos). Antes da pandemia, aínda menos: 1,37 e 1,286 euros por litro, respectivamente.
Como afecta eso no enchido do depósito? Pensemos nun coche cun tanque no que caben 55 litros. Encher o depósito na actualidade de gasolina custaría algo máis de 96 euros, mentres que enchelo de gasoil serían case 91. No 2021 enchelo de gasolina sairía por menos de 80 euros (16 euros menos que agora), e de gasóleo por 71 (20 euros menos). Tendo en conta que un coche fai de media 12 kilómetros por cada litro de carburante, con 16 euros de gasolina poderíamos percorrer outros 110 kilómetros, o equivalente a facer un viaxe de Santiago a Ourense.
Pero parece que xa estamos acostumados a pagar estas contías, que ata nos parece barato cando o litro roza o euro e medio. Vivir para crer! Ter un coche a día de hoxe é un artículo de luxo, aínda que, por desgraza, sexa máis necesario que nunca para poder desprazarse ao traballo, ao centro de saúde ou á escola dos nenos. Moitas veces, especialmente nas zonas rurais das que está chea a xeografía galega, o transporte público non é unha alternativa viable.
Sexa como fose, e volvendo á realidade, na actualidade aínda que o custe medio do litro de gasolina 95 sexa de 1,751 euros, non en todas as provincias nin en todas as estacións de servizo está ao mesmo prezo. A provincia máis cara, de media, é a de Ourense, onde o litro sae por 1,763 euros; seguida da de Pontevedra, a 1,759; de A Coruña, a 1,75; e, finalmente, da de Lugo, a 1,734. Mais na provincia de A Coruña hai gasolineiras que xa rozan nos seus marcadores o euro noventa por litro de gasolina 95: estando a 1,889. Case nada!
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.