Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2023 | Actualizada ás 18:27
A secretaria xeral da Consellería de Política Social e Xuventude, María Francisca Gómez, cualificou de "falsas" as denuncias de inspectores e inspectoras de Servizos Sociais sobre avisos ás residencias respecto ao día de inspección. Pola súa banda, os socialistas esixiron unha investigación. "Ningún cargo da Consellería ten acceso á planificación das visitas", sentenciou en resposta a unha pregunta dos socialistas exposta na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego no Parlamento galego.
"As acusacións son moi graves, pero son falsas", sentenciou na súa comparecencia María Francisca Gómez. "Só se concertan visitas cando se trata de concretar o inicio de actividades en centros que aínda non están a funcionar", argumentou para incidir, ademais, en que non se deixou de abrir expedientes con sancións nos casos que así se estimou. Ademais, explicou que só teñen información sobre a planificación das visitas de inspección o propio persoal inspector e funcionarios de carreira da Subdirección de Autorización e Inspección de Servizos Sociais.
Fíxoo en resposta a unha pregunta da deputada socialista Mariña Ortega, quen recalcou que o Goberno galego "ten a obrigación" de velar polos maiores que residen nestes centros, "xa sexan públicos, de iniciativa social ou privados". "Solicitamos unha investigación rigorosa", demandou a parlamentaria, quen cualificou de "serio" o tema pola denuncia de "chivatazos a certos centros". Tamén reclamou que se xustifique cun informe que non é así. De selo, insistiu, "está a incumprirse a lei".
RESIDENCIAS DE TEMPO LIBRE
Por outra banda, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, fixo balance, na mesma comisión, do programa de 'Vacacións en Familia', cun incremento das prazas, ata as 2.760, segundo expuxo. "A prezos alcanzables, os nenos de ata 12 anos abonan a metade", citou como exemplo en resposta a unha pregunta da deputada do PP Raquel Arias Rodríguez sobre as estancias e servizos nas residencias de tempo libre.
Sobre o balance, dixo que o nivel de ocupación alcanzou unha cifra "sen precedentes". "Aumentou un 27 % respecto ao ano anterior, máis de 12.000 pernoctaciones", resumiu o director xeral. "2.051 persoas aloxadas nas dúas residencias de tempo libre", engadiu sobre a de Nigrán e a do Carballiño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.