Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/09/2023 | Actualizada ás 10:42
O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) baixou un 2% internaual en Galicia o pasado mes de xullo, taxa dúas décimas superior á media do Estado, que se sitúa no 1,8%. Así se desprende dos datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que, no entanto, sinalan que aínda que se rexistrou este descenso no mes de xullo, a produción industrial acumulada desde principios de ano anota un crecemento do 3,6% con respecto ao mesmo período do 2022.
En concreto, no conxunto de España a taxa é tres décimas inferior á de xuño e supón o maior retroceso desde abril, cando se esborrallou un 4,2%, segundo o INE. Coa caída de xullo, a produción industrial encadea en España dous meses de taxas interanuais negativas despois do retroceso do 1,5% rexistrado en xuño.
A produción da industria enerxética foi a que máis baixou no sétimo mes do ano, cun descenso interanual do 10,9%, seguido dos bens de consumo duradeiro (-7,4%) e dos bens intermedios (-2,3%). En cambio, en xullo aumentou a produción dos bens de equipo (+6% interanual) e dos bens de consumo non duradeiro (+0,7%).
Por ramas de actividade, as que máis recortaron a súa produción en taxa interanual foron a confección de pezas de vestir (-36,9%); a industria do coiro e do calzado (-14%) e a subministración de enerxía eléctrica e gas (-12,7%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.