Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/09/2023 | Actualizada ás 17:40
Uns 230 traballadores protestan este martes ante o Concello do Barco de Valdeorras despois de que a Garda Civil executase á primeira hora da mañá unha orde de desafiuzamento da louseira Samaca. Axentes da Garda Civil acudiron ás instalacións desta e outra louseira, Irosa, como acompañamento á comitiva xudicial, segundo informan fontes deste corpo.
Por parte dos traballadores, o portavoz de CIG na comarca, Paco Moral, asegura que conseguiron "parar" o desaloxo de Irosa, pero non así con Samaca. En calquera caso, Moral indica que a empresa, que é a mesma que xestiona a ambas as louseiras, leva a comercialización do produto pero non a produción, que, asegura, prosegue por parte do persoal.
"Despois da orde de desafiuzamento produciuse unha expropiación co apoio da Xunta de Galicia" e iso é o que, segundo os traballadores, obviou a actuación deste martes, que levou momentos de tensión. Agora foron despregados axentes de seguridade privada, segundo apunta Moral, e continúa tamén unha patrulla da Garda Civil xunto ás instalacións. Cos ánimos caldeados, unhas 230 persoas concéntranse fronte ao Consistorio do Barco e "o máis probable" é que marchen en manifestación ata os xulgados para reclamar unha solución ao seu conflito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.