Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2023 | Actualizada ás 18:35
A entidade ecoloxista Verdegaia destaca que o "demoledor" informe do Consello da Cultura Galega (CCG) sobre o eucalipto mostra un "avance indiscriminado" desta especie que afecta á biodiversidade de Galicia.
Sinala que o informe "non deixa lugar a dúbidas do importante impacto que ten o monocultivo do eucalipto sobre o ambiente e tamén sobre as paisaxes culturais, entendendo por isto a cultura, a lingua, o patrimonio histórico-artístico e etnográfico", entre outros.
Por iso, resalta a necesidade de realizar estudos de impacto ambiental sobre as plantacións para evitar a perda de biodiversidade e destrución do patrimonio.
Igualmente, Verdegaia lamenta que o último plan forestal da Xunta "vén confirmar a expansión indiscriminada do eucalipto". Subliña que o inventario forestal continuo, aínda en elaboración, sitúa a superficie do eucalipto nunhas 450.000 hectáreas.
A isto súmase que agora o informe do CCG fala do gran incremento na franxa marítima desde A Guarda ata Ribadeo, con expansión mesmo onde ata hai pouco non había, tales como A Terra Chá e A Ulloa. Tamén se refire a a súa aparición en zonas protexidas como o parque natural das Fragas do Eume.
"A Xunta indica, na nota enviada á prensa onte mesmo por mor deste informe, que o valor económico do eucalipto é tan importante que se pode permitir desatender calquera recomendación científica que fale do control da plantación desta especie", censura Verdegaia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.