Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 14:52
A Federación Rural Galega esixiu á Consellería do Medio Rural un protocolo claro fronte á enfermidade hemorráxica epitozóonica (EHE) que afecta as vacas e axudas ás explotacións para facer fronte aos custos.
Así o manifestou nun comunicado remitido aos medios despois de que na tarde do mércores o departamento autonómico informase da detección de dous casos desta enfermidade en gando ovino en explotacións da Capela e Abegondo.
Fruga, que denuncia Medio Rural "non activou ningunha medida preventiva" contra a enfermidade a pesar de que se detectaron casos en comunidades limítrofes, explicou que se trata dunha patoloxía que afecta principalmente o gando vacún e sinala que Galicia é unha das comunidades do Estado con maior número destas reses.
A Federación lembra que nos últimos meses rexistráronse casos desta enfermidade na comunidade veciña de Castela e León, concretamente en Ávila, Salamanca, Segovia, Soria, Valladolid e Zamora polo que mostrou a súa "preocupación" polo "deixamento" de Medio Rural.
"Tendo o problema ás portas de Galicia, concretamente na provincia de Zamora lindante co territorio de Galicia, non temos coñecemento de que se activase ningunha medida preventiva que tentase minimizar os posibles efectos que esta patoloxía podería ter sobre o censo vacún galego, co cal, observamos unha vez máis como ante problemas de importancia, o conselleiro do Medio Rural prefire mirar para outro lado", indica Fruga.
A entidade sinala que as gandarías afectadas por esta enfermidade adoitan sufrir "importantes perdas", "chegando nalgúns casos á morte do animal". "Actualmente ningún seguro cobre estas perdas, polo que teñen que ser asumidas directamente polos titulares das explotacións", indica.
Así as cousas, Fruga esixe á Xunta un protocolo claro de actuación no que se contemplen axudas económicas que compensen as perdas que sufran os gandeiros. Ademais, reclama axudas para programas de desinfección.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.