Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2023 | Actualizada ás 13:44
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, denuncia que o futuro Goberno central vai retirar orzamentos a Galicia e a outras comunidades para "darllos a Puigdemont". "Lamento moitísimo que pensen que a xente é parva, que os galegos somos parvos", quéixase.
A preguntas dos medios sobre o anuncio da líder de Sumar, Yolanda Díaz, de que presentará a proposta da súa formación sobre a amnistía o vindeiro martes, así como despois de que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, recoñecese por primeira vez que negocian sobre a amnistía, Alfonso Rueda cre que estas cuestións forman parte de "un guión que teñen perfectamente deseñado" e "un teatrillo".
"Igual que Yolanda Díaz foi a facerlle a apertura, por así dicilo, a Pedro Sánchez cando visitou a Puigdemont en Waterloo, pois agora supoño que será o segundo acto deste teatrillo que están a representar entre os dous e entre os demais que están a vender moi caro o prezo da investidura", afirmou. "Todo é pensar que a xente é parva e non nos damos conta de que por detrás se están falando moitas cousas", agrega.
"Eu volvo insistir, ademais de todo o que ten que ver con amnistía, ademais de todo o que ten que ver con quebrantamento dos ordenamentos xurídicos, quebrantamento de igualdade, está a falarse tamén de algo que me preocupa moitísimo: o prezo en orzamentos que nos van a retirar aos demais para darllos a Puigdemont e compañía. Isto está clarísimo", censura.
A este respecto, Rueda lembra que a Xunta está "a punto" de aprobar os seus orzamentos, pero Galicia non sabe aínda as cifras das transferencias que lle vai a dar o Estado. "É a primeira vez que nos pasa e non as sabemos porque están a facer a conta con Puigdemont á conta do diñeiro que tiña que ir para Galicia", recrimina. Afea que é "intolerable" que "se estea facendo por detrás". Rueda advirte de que "teñen máis que falada" a amnistía, "e o que vai facer Yolanda Díaz o martes é unha proba".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.