Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2023 | Actualizada ás 11:50
O sindicato de Enfermaría SATSE Galicia reclamou á Xunta máis protagonismo destes profesionais no Plan Estratéxico do Sergas 2030, e así o reflectiu nas emendas presentadas ao documento.
SATSE apuntou que o Plan, aínda que fala dun cambio no modelo asistencial, "non recolle unha aposta clara e firme" pola Enfermaría como "eixo princial do sistema", e lembraron que o número destes profesionais debe aumentar, así como as súas competencias.
Respecto diso, sinalaron que a Consellería segue falando de falta de médicos, "cando o cociente de enfermeiras segue sendo das máis baixas de Europa", mentres que a de facultativos "está nos primeiros postos". "Galicia segue utilizando un modelo de Atención Primaria obsoleto e pouco eficiente", segundo SATSE, que insistiu en que o número de enfermeiras debe superar ao de médicos "sen ningún xénero de dúbidas", como afirmou o secretario de acción sindical da organización en Galicia, Manuel Fariñas.
Nese sentido, reiteraron que estes profesionais son "claves" para unha asistencia "completa, humanizada e biopsicosocial" da poboación. Por iso reclaman unha reorganización de competencias, con "desenvolvemento pleno" das enfermeiras como centrais no seguimento de pacientes crónicos, desenvolvemento de protocolos como a prescrición e petición de probas, creando novos postos de enfermeira especialista en Familia ou Pediatría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.