Luz Marina Torrente: "Os tentáculos de Reganosa chegan moi alto"

Luz Marina Torrente leva vinte e tres anos enfrontando a presenza de Reganosa na Ría de Ferrol. As instalacións desafían varias normativas de seguridade ante as curtas distancias entre a planta e as vivendas. Isto foi o comezo dun enfrontamento contra os intereses industriais fronte ao dereito a vivir seguros da veciñanza. Logo de dúas décadas, de varias sentenzas gañadas, mesmo ameazas de derrube da súa casa, Luz Marina confía en que se poda retirar toda esta instalación do medio da ría.

Por Moncho Mariño | Mugardos | 17/10/2023 | Actualizada ás 22:18

Comparte esta noticia

-Reganosa anunciou a creación dun compresor nas súas instalacións de Mugardos. Como ven este investimento da compañía de cara o futuro da planta en relación á veciñanza que vive arredor dela?

Terminal de gas natural licuado (GNL) de Reganosa en Mugardos (A Coruña)
Terminal de gas natural licuado (GNL) de Reganosa en Mugardos (A Coruña) | Fonte: Cedida - EP

Nós levamos xa 23 anos con esta planta perto das nosas casas. Agora anuncian obras para instalar novos elementos. Todo é moi confuso porque nos medios anuncian unha cousa e o concello di que non saben nada pois alegan non ter a documentación necesaria. O escurantismo é tal que non sabemos cales son as ampliacións que van facer. Só sabemos algo polos medios cando poñen algo, porque aquí son “a voz do seu amo”. Si sabemos que a instalación é perigosa, que foi creada con mentiras, sen permisos e que estes foron entregados cando xa estaba construída, “feitos consumados”. Con tanto escurantismo desde logo que temos medo. A empresa non di nada, aínda que isto é algo normal por parte da empresa, mais a Xunta e o Concello deberían darnos explicacións aos veciños sobre as instalacións e cal é o posible perigo que imos enfrontar. Cre que a empresa pensou algunha vez no posible dano á veciñanza? Non. Os terreos compráronse con mentiras. Nun principio mercounos Forestal del Atlántico dicindo que era para verde arredor da empresa, unha área de lecer, non dixo nunca que era para abrir novas instalacións, a empresa só pensa en medrar. As administracións públicas eran quen tiñan que estar pendentes de nós.

-Por que non o están?
Porque son arte e parte. A Xunta de Galicia é accionista, o goberno local de Mugardos agora é do PP, mais cando estivo gobernado polos outros foi exactamente igual. Mentres non gobernaron estaban con nós, mais cando comezaron a gobernar fixeron “vista gorda” e deron licenza de actividade, pois aquí o chan non estaba nin recualificado para industria. Fíxose un “amaño” no PXOM para poder instalar a regasificadora cando xa estaba construída. Por iso insisto, a empresa sabe do dano que pode crear e non lle importa.

-Temen entón que Reganosa amplíe fisicamente as instalacións.
Si, estamos con ese temor e esa incerteza. Á parte, nós vivimos en primeira liña e xa temos sentido os prexuízos que isto trae, non só Reganosa, senón con Forestal del Atlántico, pois os cheiros que bota todos os días fai irrespirable o aire. A miña casa está a cen metros de Reganosa, aínda que nos queiramos ir todos cantos estamos aquí, non podemos porque nos devaluaron o patrimonio. Se queremos mudarnos non podemos pois ninguén quererá mercar unhas casas ao pé da regasificadora e se alguén o fai será pos moi pouco que non che daría para mercar outra casa. E ademais de todo iso, non sabemos que estamos a respirar e mentres a empresa di que se respectan as distancias de seguridade, non é certo porque aquí non se cumpre con ningunha das lexislacións existentes sobre materia de seguridade para instalacións como esta. Vinte e tres anos de loita, con cinco sentenzas gañadas e veñen eles comprando a todo o mundo e agora xa non só temos que soportar Reganosa e Forestal, pois Forestal vai crear outras instalacións a maiores e Reganosa non sabemos que pasa aí dentro.

-Teñen aínda esperanzas de que a localización ou a actividade de Reganosa e Forestal del Atlántico muden?
Se me preguntaran iso hai un ano diría que había esperanzas, pois tiñamos cinco sentenzas gañadas e nada indicaba que estas instalacións fosen imprescindibles. Porén, a día de hoxe a guerra de Ucraína fixo que esta planta fose necesaria para a UE, segundo o vende Reganosa e a Xunta de Galicia. Mentres tanto, os veciños vemos que todo é máis necesario que as persoas. Se esta planta estivese no porto exterior, onde debera estar e non no medio dunha ría arrodeada de vivendas que ademais é como unha trampa, pois cando baixa a marea é moi difícil saír dela. Todo isto fixérono a man tenta, a empresa está claro que vai buscar a maneira de ter rendemento da súa actividade no menor tempo posible onde sexa doado porque non hai vento e non hai inclemencias.

Luz Marina Torrente
Luz Marina Torrente | Fonte: Luz Marina Torrente

-Viron incrementar o tráfico de buques gasistas á planta de Mugardos desde que estalou a guerra en Ucraína?
Si, si que hai máis tránsito. Ademais, vexo cousas como que os barcos entran coa liña de flotación á vista mais cando zarpan, esa liña aínda é perceptible, non os cargan de todo. Non sei que paripé fan. Uns veñen como a descargar gas e outros veñen como facer que cargan. O buque nunca zarpa baleiro de todo.

-Aínda así, seguirán recorrendo á vía xudicial?
Si, temos varios contenciosos sen resolver ademais doutras cousas que imos facer. Xa fomos a Bruxelas tres veces, e por tanto, non renunciaremos a ir até o último tribunal posible para protexérmonos como cidadáns. Se é necesario iremos a Estrasburgo mentes continuamos cos contenciosos que están abertos e algún máis que poida vir cando teñamos máis documentación. Xa viñeron varios comisarios europeos visitar “in situ” este lugar. Isto sucedeu despois da terceira visita a Bruxelas, chegou un autobús con europarlamentarios das diversas cores políticas. Quedaron horrorizados e concluíron na necesidade de derrubar as instalacións. A cousa foi que cando estaban no Europarlamento votaron unha iniciativa para ver de retirar a planta e ao final non prosperou. Por que? Pois que en Europa tamén tiña maioría o Partido Popular Europeo, e iso que non é como o PP de aquí. Vemos como as administracións se corrompen, senón non habería xente do PP na cadea. En definitiva, vas de decepción en decepción.

-Por outra parte, existen manobras como a compra da rede de gasodutos de Reganosa por parte de Enagás.
Reganosa cedeu frente a Enagás a cambio de accións na planta de Asturias, no Musel.

-Temen que estas compras e vendas afecte de maneira directa a Mugardos?
Sempre pensei que Enagás estaría aí sempre facéndolle a competencia a Reganosa, mais agora xa son todos un. Enagás cede unha parte das accións no Musel, estes ceden unha parte dos gasoductos e os que teñen as de perder somos quen vivimos xunto á planta. E como digo, non é unicamente a perda do valor patrimonial das nosas propiedades, e agora non sabes que facer nin tes para onde ir e isto pásanos a moitos. A min provócame unha doenza e non só animicamente senón mesmo familiar. Fomos numerosas as persoas que levamos pelexando desde os inicios, mais como son a presidenta da asociación, pois sempre van á cabeza. Moitas veces chegáronme mensaxes do estilo “xa verás ti”. Antes que buscar unha solución para as nosas casas non a buscan e debes soportar isto até que morras.

-Ameazárona a vostede directamente?
Non é que veñan de Reganosa directamente, envían as mensaxes por outros. Ao mellor vén alguén que me di “imos tirarte abaixo” ou “vas quedar aí para toda a vida”. Nós estivemos tres meses e medio nun peche dentro do Concello. Nese tempo Reganosa, xunto cun técnico da Deputación da Coruña e o alcalde, daquela do BNG, José Fernández Barcia, durante varios anos alcalde de Mugardos. Un día, durante o peche, falando con el díxome que deixase o peche e fose atender os meus asuntos privados e eu non sabía a que se refería. Para o outro día, unha compañeira do peche foi falar co alcalde e este díxolle: “fala coa túa compañeira que lle van quitar a casa”. Ela pediulle máis explicación e o alcalde respondeu: “home, vaise montar unha estrada por alí, unha vía de saída”. En teoría construirían unha estrada para eliminar curvas e a única casa que collían era a miña. A estrada era competencia da Deputación, aí o técnico en connivencia con eles, díxolle ao presidente da Deputación, daquela Fernández Moreda, que eu aceptara (sen saber eu nada, por suposto) e os planos xa estaban listos.

-Cal foi a súa reacción?
Fun á Deputación falar co presidente. Cando estivemos xuntos puiden ver que el non sabía nada, que non estaba no allo. Pregunteille sobre a estrada, el sacou os planos e eu pregunteille “e esta casa?”, pois eu non ía como a dona da casa, ía como a presidenta da asociación. A resposta de Moreda foi: “esta casa xa está negociada, está todo pechado con Reganosa e indemnizaranos co necesario”. Cando lle dixemos que era a dona da casa, que souben todo de casualidade por unha amiga que escoitara unha conversa entre “un que parecía de Reganosa, outro que por canto falaba parecía da Deputación e o alcalde de Mugardos”. Dito isto, Moreda chamou ao técnico desa reunión e preguntou sobre o estado “desa casa”. Cando chegou o técnico, a resposta foi que “están de acordo e aceptan por 100 millóns de pesetas”. Isto díxoo diante miña sen saber que era a propietaria. Preguntei se negociara el o prezo e respondeu “non, non, eu seino por Reganosa”. A miña resposta foi que eu era a dona e estabamos sabendo do prezo por el alí mesmo. Todo era mentira, realmente como era unha estrada da Deputación a min taxaríanme a casa polo baixo e dirían que era un ben común e aí xa non podería facer nada. Moreda preguntoulle se el estivera nunha comida con dúas persoas, o técnico dixo que si mais falaron da estrada. Eu respondín: “pois a min contáronme outra cousa” e souben todo por unha amiga.

-Como marcharon daquela reunión con Moreda?
Pedimos unha reunión con Touriño, daquela presidente da Xunta, e da reunión Moreda díxonos: “poden ir tranquilos, a min vendéronme isto doutra maneira e non vai ir para adiante”. Na reunión con Touriño el dixo que non sabía nada e tras conversar co meu irmán, quen me acompañou e tiña boa relación con Touriño, ao final non tiraron a miña casa e non me molestaron máis. E isto foi en 2007. Con todo isto quero dicir que os tentáculos de Reganosa chegan moi arriba.

-Como se vive agora o día a día nesa área?
Cando isto comezou, Reganosa sacou unhas “azafatas” repartindo papeis dicindo que habería traballo para todos. Que pasou? “Divide e vencerás”, ao mellor había unha familia que tiña fillos sen traballo e houbo un tempo de tensións. Logo as cousas foron acougando, pois ao final o número de postos de traballo que anunciaban non foi tal, os postos eran case todos técnicos e aquí non había ninguén preparando. Saímos centos de persoas, mais houbo xente que dixo “sigo en desacordo mais non podo seguir 23 anos loitando porque teño diante un muro contra o que dou cabezadas”. Agora mesmo hai xente que ve necesaria unha solución mais xa non hai tantos apoios que se mobilicen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta