Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2023 | Actualizada ás 13:56
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou este luns que espera que Galicia manteña "os mellores datos de vacinación" en gripe e covid "de todo o Estado" e lembrou a importancia do uso de máscara cando alguén teña síntomas.
En declaracións aos medios tras participar no acto de entrega do VIII Concurso universitario de curtametraxes relacionado coa doazón e os transplantes de medula ósea, García Comesaña agradeceu o labor de toda a cidadanía galega e, especialmente, de coidadores e profesionais sanitarios que "ano tras ano demostran que Galicia ten unha sensibilización especial coas vacinas".
Precisamente, este luns comezaba nos centros de saúde de cabeceira (onde hai PAC) esta vacinación para os maiores de 80 anos. Nesta liña, o titular de Sanidade lembrou que dentro de dúas semanas comezará a quenda das persoas de menos de 79 anos, neste caso nos recintos de vacinación masiva.
Tamén explicou o conselleiro que aquelas persoas maiores de 80 anos que non poidan ou non queiran achegarse ao Centro de Saúde de cabeceira poderán facelo "sen ningún problema" nos recintos masivos dentro de 15 días. Así mesmo, García Comesaña incidiu "nos beneficios máis que probados" da vacinación. "En gripe hai moito feito, pero todos somos conscientes de que hai moito por facer. Co covid, practicamente o mesmo", sinalou.
Sobre o Covid, o conselleiro relatou que "segue habendo persoas que se contaxian" e que "está máis que demostrado que a vacinación é fundamental para non desenvolver a enfermidade grave". Por iso, tamén insistiu en lembrar que cando alguén teña síntomas utilice máscara, algo que, na súa opinión, "é xa algo normal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.