Educación sinala que cumpre coa Lomloe e que en Galicia "non existen" centros que segregan por sexo

"En Galicia non existen este tipo de centros aos que se refire, todos son de matrícula mixta" destacou o Director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación.

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 18/10/2023 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O Director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Álvarez, garantiu este mércores que a Xunta "cumpre a legalidade vixente" en materia de concertos educativos e que en Galicia "non existen" centros que segregan por sexo sostidos con fondos públicos.

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.. XUNTA - XOÁN CRESPO
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.. XUNTA - XOÁN CRESPO

Así o explicou durante a Comisión de Educación do Parlamento en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Cristina Fernández Davila sobre o control por parte da Xunta do cumprimento da normativa nesta materia, especialmente no caso de catro centros que, asegurou, "segregan por sexo".

Tal e como lembrou Fernández Davila, a Lomloe prohibe financiar con fondos públicos centros que practiquen a segregación por sexo dos alumnos, algo que, ademais, en opinión da deputada nacionalista, "non achega educativamente nada" e "xera prexuízos". "Se a coeducación fomenta, a igualdade e a tolerancia, nos colexios segregadores foméntase o sexismo", afirmou.

En particular, Fernández Davila afirmou que, para manter o concerto educativo, estes centros ofertan aos dous sexos "só nalgún nivel educativo" e preguntou á Xunta que mecanismos vai utilizar para comprobar que, efectivamente, acéptanse tanto alumnos como alumnas.

A LEGALIDADE VIXENTE


Na súa resposta, o director xeral garantiu que a renovación dos concertos educativos, cuxa orde foi publicada o pasado 18 de agosto, fíxose "seguindo a legalidade vixente", tendo en conta que os catro centros que anteriormente "podían diferenciar ao alumnado" por razón de sexo, adaptáronse " ao establecido na normativa estatal".

Estes centros, profundou, "comunicaron á Xunta esta modificación" e a súa intención de abrir matrícula tanto a alumnas como a alumnos para o próximo curso, co que "calquera familia pode solicitar praza con independencia que teñan fillos ou fillas".

"En Galicia non existen este tipo de centros aos que se refire, todos son de matrícula mixta", dixo á deputada do BNG, á que instou a estar "moi tranquila" porque "Galicia cumpre e cumprirá sempre coa normativa vixente".

Jesús Álvarez lembrou que o incumprimento por parte destes colexios do compromiso asinado coa Xunta "pode conlevar a imposición de sancións ou a extinción do concerto" e, aínda que non explicitou os datos de matrícula por xénero, puntualizou que nos centros hai nenos que "xa están escolarizados e que teñen dereito a seguir" mentres que as vacantes "ofértanse a todos". "O que non pretenderá é que botemos á metade dos nenos", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta