Destrozos anteriores nas Gándaras de Budiño: a meirande parte dun dos máis importantes xacementos paleolíticos de Galicia e do estado foise ao c_a_r_a_l_l_o para sempre ...
POLEMICO ACHELENSE DAS GANDARAS DE BUDIÑO
O primeiro investigador galego que prestou atención a Budiño foi o recordado X. M Alvarez Blázquez, quen recolleu en superficie as máis de 200 pezas que en 1962 chamaron a atención de D. Collins e E. Aguirre; éste dirixiu en 1963 a primeira excavación arqueolóxica no xacemento, contando coa participación de Biberson e o xeólogo K.W. Butzer. Sondeáronse tres puntos diferentes: un deles resultou arqueoloxicamente estéril, a pesares de que na súa superficie foran recollidos anteriormente abundantes artefactos (a colección Pelayo Fernández, da que xa falamos); os outros dous puntos foron estudiados mediante a excavación de trincheiras lonxitudinais dun metro de ancho, alcanzándose unha superficie total de case 200 m2.
Os sondeos, nos que se recolleron cerca de 700 artefactos, puxeron en evidencia a superposición de diferentes capas de terra (estratos), permitindo comprender os fenómenos xeolóxicos que se produciron no lugar ata dar lugar á superficie actual. Estes estratos foron estudiados por Butzer, quen emitiu as primeiras hipóteses sobre as causas e momentos da sua formación:
- A capa máis profunda, o sustrato básico do xacemento de Budiño a unha profundidade de metro e medio, está formado por arxilas caolínicas, arqueoloxicamente estériles, depositadas quizá no Terciario.
- Sobre esta capa exténdese un estrato duns 60 cm. de espesor medio, no que se alternan capas de areas grosas e gravas ás que se superpón unha capa de area máis fina. Interpretouse como restos dunha terraza fluvial, formada probablemente durante o interglaciar Mindel-Riss e, en calquera caso, con anterioridae á glaciación Würm. Nas zonas sondeadas por Aguirre este estrato de terraza fluvial resultou arqueoloxicamente estéril.
- Un novo estrato de materiais finos, limos e arxilas de cór branquecina, cun espesor medio de 30 cm., aparece sobre a terraza fluvial. E un coluvión de sedimentos depositados pola auga no seo do cal aparece a industria lítica e os restos interpretados por Aguirre como fogares e talleres de talla. Para Butzer, o momento de formación do coluvión inferior e da ocupación humana correspondería ao período máis frío do Würm, o Pleniglacial superior, hai uns 28.000 anos.
- A este coluvión inferior superponse unha nova capa de limos e arxilas, o coluvión superior, esta vez de cór pardo claro e con 20 cm. de espesor medio. Contén poucos materiais arqueolóxicos, aparentemente non in situ, e a súa edade sería, segundo Butzer, duns 14.000 anos.
- Finalmente, os 30 cm. superiores do perfil corresponden ao solo actual, formado en condicións postglaciares.
A industria lítica, en cuarzo e en cuarcita, que como vimos está concentrada no coluvión inferior, foi estudiada por M.D. Echaide, quen distingue catro grupos: (1) bifaces, triedros, picos, fendedores e cantos tallados; (2) raedeiras, raspadores, perforadores, coitelos de dorso natural, pezas con escotaduras, denticulados e buriles, algunhas delas atípicas; (3) núcleos de diversos tipos cun certo aire musteroide; e (4) lascas, algunhas delas retocadas sen que conformen útiles recoñecibles, e non extraidas con técnica levallois. A industria é situada por Echaide, á vista do sinalado, nun achelense superior, sen descartar a sua posible pertenza ao Paleolítico Medio. O estudio da relación entre lascas e núcleos fai que Echaide non admita a idea das áreas de taller proposta por Aguirre; trátanse de puntos de acumulación de artefactos, pero sen que se poida definir ningunha función concreta para ditas concentracións líticas.
A contradicción entre as características da industria e a datación proposta por Butzer a partir do seu estudio xeolóxico resulta evidente. Como vimos no capítulo anterior, o Achelense é típico do Pleistoceno Medio (700.000-120.000 BP); tratándose dun Achelense evoluído podería chegar, se temos en conta os casos habituais, ata o 90.000 BP pero non moito máis acó. Mesmo se se tratase dunha industria musteroide, do Paleolítico Medio, podería estar entre o 90.000 e o 35.000 BP; pero a súa relación co Pleniglacial Würmiense, nun momento en que nos casos coñecidos xa desapareceron totalmente os bifaces e están en pleno desenvolvemento as industrias do Paleolítico Superior, resulta extrañamente atípico.
Cómpre sinalar, con todo, que un caso en certa forma similar ocurre nalgunhas estacións de Portugal. Prospeccións e excavacións levadas a cabo por J.P. Cunha Ribeiro na cunca do río Lis (Leiria) puxeron en evidencia dous xacementos (Quinta do Cónego e Casal de Santa Maria 1) nos que unha industria propia do Achelense Medio, con bifaces, fendedores, triedros, cantos tallados e artefactos sobre lasca sen técnica levallois, se asentaba en coluvións que por certas características poderían datarse no Würm; o autor non rexeita esta hipótese, chegando a pensar nunha pervivencia do Achelense en momentos tardíos á que podería chamarse Epi-Achelense, se ben sinala que a solución debe vir pola realización de datacións absolutas fiabeis.
Volvendo a Budiño, a datación por C14 de duas mostras tomadas nas concentracións de cinzas que Aguirre interpretou como fogares, agravou aínda máis a contradicción. Unha delas, correspondente á base do Coluvión Inferior, deu como resultado 26.700 +3.600/-2.500 BP (I-2174); a outra, moi próxima á anterior aínda que no medio do coluvión, datouse no 18.000 300 BP (I-2175). As datas son plenamente coherentes co sinalado por Butzer para a formación do coluvión, pois caen dentro do estadio pleniglacial; pero resultan chocantes co tipo de industria, propia de momentos de miles de anos antes.
Este feito reforzou a liña de pensamento que, cando menos desde os anos 30, vía o desenvolvemento prehistórico galego como atípico e retardatario respecto doutras zonas da Península, facendo fincapé no carácter de finis terrae e na dificultade dos pasos que comunican Galicia coa Meseta e co Cantábrico para xustificar, pola lonxanía e o aillamento, este chocante arcaismo das industrias. Dando por boas as datacións, durante un certo tempo asumiuse que "o tren do desenvolvemento chegou a Galicia cun retraso de 100.000 anos". Dado que, ademais, non se coñecían en Galicia industrias do Paleolítico Superior, este vacío quedaba así cuberto: os "pregalegos", moi atrasados e arcaicos, continuaron durante o Würm cos modos de vida e cos utensilios propios de épocas moi anteriores. Era inutil, xa que logo, buscar industrias de lascas e láminas feitas en sílex, material que, para colmo de males, non existe no noso país.
A inexistencia de sílex, frente á abundancia das cuarcitas e cuarzos, foi outra das causas alegadas para xustificar o pretendido arcaismo das industrias líticas galegas; a ausencia dunha materia prima adecuada e os condicionantes impostos pola existente farían imposible a adopción dos tipos do Paleolítico Medio e Superior, ao tempo que dotaría dun aire tosco aos artefactos realizados sobre cuarcita, que deberían contentarse con reproducir, en anacrónica pervivencia, os tipos propios do Paleolítico Inferior, ou ben crear outros (logo falaremos do polémico Camposanquiense) non coñecidos nas tipoloxías tradicionais para estes períodos, elaboradas sobre pezas de áreas nas que o sílex é abondoso. A imposibilidade de aplicar as tipoloxías habituais (fundamentalmente a de F. Bordes), e a necesidade de establecer novas tipoloxías propias para as industrias líticas galegas, será outro dos mitos que non será demontado ata datas moi recentes.
A pesares de que esta visión foi xeralmente aceptada, algúns investigadores non chegaron a estar conformes coila. Entre estes, e no seo dunha ampla revisión dos problemas que presentaban as industrias líticas galegas, X. Vidal Encinas levou a cabo dúas novas campañas de excavación no xacemento das Gándaras de Budiño, nos anos de 1980 e 1981, mentres completaba a súa formación de postgrado baixo a dirección do profesor F. Bordes no Instituto do Cuaternario de Burdeos. Na campaña de 1980 excavouse en dous puntos diferentes, que recibiron os nomes de Locus I (16 m2) e Locus II (11 m2). Na campaña de 1981 os traballos centráronse nunha terceira zona (Locus III). No Locus II e no Locus III, as industrias líticas ocupan un estrato de gravas y areas grosas que subxace baixo outros estratos de arxilas e limos. Segundo os estudios de Vidal Encinas, os artefactos do Locus III son propios dun Achelense Superior, mentres que os do Locus II corresponden claramente a un Achelense Medio, atopándose entre eles cantos tallados, bifaces, fendedores sobre lasca, raedeiras, denticulados e coitelos de dorso natural, tallados en cuarzos e cuarcitas de boa calidade. No Locus I a industria é sensiblemente diferente no seu tamaño (pezas máis pequenas), na materia prima empregada (cuarzos, estando presente o cristal de rocha, e cuarcitas de baixa calidade) e na posición estratigráfica (ocupa agora os niveis superiores, chegando a estar as pezas afectadas por unha pátina negruzca debido á acción dos ácidos húmicos superficiais). O escaso número de útiles exhumados fai difícil a adscripción desta última industria; non sen moitas dúbidas, sinálanse certas afinidades musteroides que puideran facer encaixala no Paleolítico Medio.
A vista dos resultados, Vidal non acepta as datacións de Butzer, nin o suposto arcaismo do Paleolêtico galego, nin a necesidade de facer novas tipoloxías, e adscribe o Paleolítico Inferior de Budiño (Locus II) a un estadio final da glaciación Riss.
===
DEZ ANOS MAIS TARDE, O XACEMENTO VIUSE AFECTADO POLA CONSTRUCCION da AUTOVÍA de VIGO á fronteira con PORTUGA, A PESAR DE SER SOBRADAMENTE COÑECIDO NACIONAL e INTERNACIONALMENTE o que, cando menos, fai pensar na inexistencia de medidas de prevención por parte dos responsables do Patrimonio Cultural Galego.
Daquelas a situación intentou resolverse coa subvención con fondos públicos (Dirección Xeral do Patrimonio Histórico - Xunta de Galicia e M.O.P.T.) dunha longa excavación que se extendeu durante once meses dos anos de 1991 e 1992, que ao parecer incluiu estudios paleobotánicos e edafolóxicos. E lástima que despois de anos non se teña noticia científica algunha dos resultados desta ampla e costosa excavación (a anunciada publicación dun avance nas actas do XXII Congreso Nacional de Arqueología, celebrado en Vigo en 1993, non tivo lugar) pois, segundo as noticias aparecidas nun suplemento de prensa (La Voz de Galicia), os investigadores chegaron á conclusión, a partir de análises polínicos, dunha datación para Budiño en torno a 75.000 anos antes de Cristo, e detectaron sucesivos niveis que falan dun habitat ocupado en distintos momentos; as afirmacións son o suficientemente ambiguas como para non tomalas en serio en tanto non aparezcan publicadas cun mínimo rigor, devolvendo así á sociedade a inversión en investigación que ésta realizou no xacemento.
(descoñezo se posteriormente se publicaron as conclusións e estudios pertinentes)
===
Ante a ausencia de novos datos, unha síntese dos ata agora publicados foi realizada por C. Llana Rodríguez, investigador integrado no dinámico equipo do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba que está a sentar as bases do coñecemento do Cuaternario galego. Este autor, quen ao igual que antes X. Vidal, M. Santonja, M.A. Querol e outros non acepta que as datacións de Butzer poidan referirse á industria de Budiño, interpreta que as únicas industrias que poderían estar in situ ou cando menos in loco son as incluidas na terraza fluvial, coa que identifica os niveis profundos de grava e area do Locus II e do Locus III de Vidal, que como vimos contiñan materiais do Achelense Medio e Superior respectivamente; a datación pre-Würm da terraza, para a que parece existir acordo, non resulta contradictoria coa clasificación da industria. Sobre esta terraza, parcialmente desmantelada, se depositarían posteriormente os sedimentos e os materiais líticos do coluvión inferior; os materiais recollidos por Aguirre estarían claramente desplazados da súa ubicación orixinal, e pode ser que a datación máis antiga de Butzer se refira ao momento en que se deposita ao coluvión cos materiais líticos, sen que teña relación algunha co momento en que éstes foron fabricados. Finalmente, tras un episodio erosivo depositaríase o coluvión superior, cos outros materiais claramente fora da súa posición primitiva.
De ser correcta a interpretación de Llana Rodríguez, o xacemento de Budiño respondería ao esperable dada a súa industria, non apartándose dos paradigmas existentes no resto da Península e de Europa; teríamos así unha "normalización" das primeiras etapas da Prehistoria de Galicia, lonxe dos fantasmas de aillamento e arcaismo que parecían extenderse sobre o país desde o seu primeiro poboamento humano.
Así están as cousas no Paleolítico Inferior galego. Pouco máis podemos dicir sobre as sociedades humanas, a súa organización, a súa tecnoloxía (fora da talla da pedra), o seu aspecto físico (aínda que non parece arriscado supór que o autor dos bifaces debeu ser o Homo Erectus ou algún dos Presapiens, o que tampouco é dicir demasiado), nin sobre o medio ambiente en que viviron. Neste sentido tan só se pode sinalar que aínda que durante o Riss (300.000-130.000) deberon existir condicións glaciares, éstas non son coñecidas en detalle; para o interglaciar Riss-Würm ou Eemiense, A. Pérez Alberti sinala o seu posible parecido coas condicións climáticas actuais, se ben con temperaturas máis altas, maiores precipitacións e máis amplas oscilacións térmicas; a fauna e a vexetación sería, loxicamente, a correspondente a estas condicións.
Do desenvolvemento dos estudios sobre o Cuaternario, que ata agora non permiten precisar gran cousa para os tempos anteriores ao Pleniglaciar Würmiense Final, e da excavación de novos xacementos por equipos pluridisciplinares especializados, capaces de extraer toda a información que conteñen (e lugares como Portavedra, Louselas ou San Cibrán de Las parecen prometedores nese sentido), dependerá o futuro do achegamento ao noso pasado máis lonxano.
(segue ...)
http://www.ctv.es/USERS/sananton/ca...