Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2023 | Actualizada ás 18:35
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu este xoves en que Galicia "leva moito tempo" reclamando unha reforma do financiamento autonómico, unha cuestión que "non se pode ventilar de pé" á entrada dun acto, senón abordala en profundidade. Preguntado por se tivo ocasión de adiantar algunha cuestión coa ministra portavoz do Goberno en funcións e responsable de Facenda, María Jesús Montero; Rueda indicou que foi un encontro "amable" pero que estas cuestións teñen que tratarse noutro tipo de foros máis "serios".
Neste punto, puxo de relevo que o pacto entre o PSOE e Sumar para a investidura e goberno de Pedro Sánchez fala de "comunidades infrafinanciadas", pero non hai ningunha mención a Galicia, algo que lle provoca "preocupación" porque é unha demanda da Comunidade galega mellorar o financiamento para os servizos que presta e facer fronte ao custo real dos mesmos (sobre a base de factores como dispersión poboacional ou envellecemento).
Nun acto en Santiago este xoves, a ministra de Facenda e Función Pública en funcións, María Jesús Montero, afeou que existan presidentes autonómicos que "se lancen a trasladar a ameazas ou dúbidas" sobre cuestións "que nunca" estiveron sobre a mesa das conversacións para a reforma do modelo de financiamento en base a "titulares" de prensa.
"Pregúntome se alguén se le os documentos que finalmente saen publicados e que son transparentes", sentenciou Montero en Santiago a preguntas dos medios sobre a posibilidade de que as negociacións con forzas nacionalistas para a investidura de Pedro Sánchez inclúan cuestións que poidan afectar á reforma do modelo de financiamento. Segundo a ministra en funcións, que participou nesta reformulación discutirase "co conxunto das comunidades autónomas" porque debe ser decidido "entre todos" para "avaliar variables como a dispersión, o envellecemento, a insularidade ou a poboación".
DERRUBE A-6
Doutra banda, de novo no Consello da Xunta e sobre o derrube dun novo noiro na A-6, Rueda manifestou que, á marxe de que está a chover moito e hai circunstancias "das que ninguén está libre", detectou un "problema de conservación", de fochancas e de estradas do Goberno central que "non se están conservando adecuadamente". Tamén se referiu aos problemas concretos da A-6 polo derrube do viaduto do Castro, e queixouse neste sentido de que non se tiveron en conta "as suxestións" da Xunta para unha vía que é "estratéxica" para Galicia.
RESOLUCIÓN SUPREMO
Sen abandonar as infraestruturas, Rueda referiuse, a preguntas dos xornalistas, á resolución do Supremo que fai firme a sentenza de que Monbus e Alsa repartíronse o mercado e reiterou que a Xunta "cumpre sempre as resolucións xudiciais", gústenlles "ou non" e que a Comisión Galega da Competencia executará o expediente, como avanzou en días pasados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.