A longa precampaña galega

O debate sobre o estado da nación celebrado recentemente no Parlamento galego foi un dos primeiros actos relevantes da longa precampaña que nos levará á cita electoral da vindeira primavera.

Por Xesús Veiga | Compostela | 27/10/2023

Comparte esta noticia
Concorrían, neste acto, tres circunstancias singulares: era o primeiro test para analizar o papel de Alfonso Rueda na súa condición de sucesor de Feijoo na presidencia da Xunta; foi unha ocasión para reiterar a evidencia de que PSdG estivo representado por un voceiro que non será o candidato referencial nos comicios do ano que vén e confirmouse que unha das principais fortalezas do actual BNG radica na consistencia do liderado de Ana Pontón.
 
O Parlamento galego debería ser o centro de gravidade da vida política galega. Poren, o primeiro que non semella acreditar nesta premisa é o actual presidente da Xunta. Alfonso Rueda tiña a mellor oportunidade para demostrar que non é só o sucesor administrativo de Feijoo e que posúe unhas cualidades adecuadas para enfrontar os retos que se lle presentan ao goberno galego no inmediato futuro. A mellor proba de que non confiaba nas virtualidades dun dos mais relevantes debates que teñen lugar no calendario parlamentar foi a propia campaña publicitaria organizada, previamente, para combater a falta de coñecemento que padece entre unha parte da poboación galega: anunciar a posta en circulación dun autobús para convidar a "unhas cañas" aos transeúntes e acudir a un dos programas de más audiencia da TVG.
 
Rueda certificou que carece da capacidade requirida para ilusionar ao corpo electoral. Despois de 14 anos acompañando a Feijoo nas cadeiras gobernamentais, só agarda que a inercia do pasado, a fortaleza do seu partido e os eventuais erros dos rivais viabilicen a súa continuidade en San Caetano. Dous detalles acontecidos no debate permitiron constatar a evidencia deses déficits de liderado e de propostas novidosas: as reiteradas alusións críticas á experiencia do bipartito PSdG/BNG (2005-2009) e a retórica agresiva exhibida polo novo voceiro do PP fronte ás forzas da oposición (e, singularmente, contra Ana Pontón). Que teñan que recorrer á lembranza do labor da equipa encabezada por Touriño e Quintana revela que aínda non esqueceron o peor momento que viviron nas dúas últimas décadas e que non manexan ofertas atractivas para os sectores menos conservadores do corpo electoral. Polo demais, a belixerancia amosada polo substituto de Pedro Puy indica a notábel mediocridade que caracteriza, neste momento, aos cadros dirixentes do PPdG.
 
BNG e Partido Socialista atópanse, seguramente, ante a mellor ocasión dos últimos anos para conseguir unha mudanza na dirección do autogoberno galego. É verdade que as eleccións do pasado 23 de Xullo non proporcionaron rexistros satisfactorios para ambas formacións. Tres meses despois daquela data, non hai constancia pública de análises ou reflexións autocríticas socializadas entre os respectivos universos partidarios. Na actual conxuntura política (posibilidade dunha nova repetición dos comicios xerais o 14 de Xaneiro, proximidade da cita para elixir a Cámara lexislativa galega) resulta comprensíbel actuar con prudencia na comunicación pública para non dar vantaxes adicionais ao PP. En todo caso, será necesario que nacionalistas e socialistas teñan ben identificadas as cuestións que deben ser melloradas para acudir coas maiores garantías de éxito á vindeira e decisiva confrontación electoral.
 
A retirada de Gonzalo Caballero das primarias do PSdG eliminou unha das principais incógnitas que ficaba por despexar nesta carreira cara as urnas. Gómez Besteiro deberá enfrontar un reto certamente complicado: mellorar significativamente as cifras acadadas no ano 2020 mediante a captación de votantes no universo do PP e nos segmentos tendencialmente abstencionistas do electorado progresista. Aínda que é menos coñecido do que cabería agardar para un candidato que aspira a semellantes obxectivos ten ao seu favor a propia circunstancia da novidade da súa candidatura no ámbito galego. 

Alfonso Rueda, presidente da Xunta y o PPdeG inicia unha campaña do seu partido, ‘Galicia non para!’
Alfonso Rueda, presidente da Xunta y o PPdeG inicia unha campaña do seu partido, ‘Galicia non para!’ | Fonte: Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.