Coñecían Rueda e algúns algúns alcaldes galegos a chegada de migrantes a Galicia?

O delegado do Goberno confirma que falou co presidente galego o martes e con algún dos alcaldes o mércores. A Xunta critica que se intenten colocar a 350 migrantes en Sanxenxo e "50 en toda Asturias".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 27/10/2023 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

Coñecían ou non coñecían o presidente da Xunta e alcaldes a chegada as súas localidades de colectivos de inmigrantes procedentes das Illas Canarias? O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco,  incidiu en que houbo contactos pola súa banda, xa o martes, con Alfonso Rueda, "para comunicarlle a previsión das persoas que ían vir e as zonas onde ían situarse puntualmente".

Chegada da patera ao peirao da Restinga, a 21 de outubro de 2023, na illa de Hierro, Illas Canarias
Chegada da patera ao peirao da Restinga, a 21 de outubro de 2023, na illa de Hierro, Illas Canarias | Fonte: Europa Press

Tamén insistiu, en relación ás críticas suscitadas a este respecto por parte dalgún rexedor, especialmente o de Sanxenxo, que falou con eles. "Con algúns falei o mércores á primeira hora da mañá", aseverou para precisar que, en todo caso, esta acollida non vai desbordar necesidades da administración".

Ademais, remarcou que actuou sendo "consciente de que había que ter transparencia con eles", en referencia aos mandatarios municipais da Coruña, Vigo, Sanxenxo e Sobrado dos Monxes, de face á acollida nos seus respectivos municipios. Cuestionado sobre este último e as posibles reticencias do seu alcalde, ratificou que falou o martes con el e que volverá facelo hoxe, por este venres. "Non é unha presión demasiado alta en canto ao número de persoas que se teñen que remitir a Sobrado", aclarou.

SOLIDARIEDADE

Blanco apelou á solidariedade para a acollida na comunidade autónoma galega de migrantes chegados nas últimas datas a Canarias e situou esta medida nunha "acción puntual". Así o manifestou, a preguntas dos xornalistas, nas que incidiu en que se trata de ofrecer a este colectivo unha "primeira atención" cun "traslado programado" e de forma "ordenada" a outras comunidades autónomas destas persoas.

Tanto sobre os máis de 400 migrantes que chegarán a Galicia, homes, sen necesidade de escolarización, como sobre o tempo que estarán, un mes -- de acordo cos datos achegados pola Delegación do Goberno--, recalcou que son "previsións" en canto ao número de desprazados, do que dixo "non é pechado", e o tempo que permanecerán.

"A idea é un mes, pero veremos a circunstancia", sinalou o delegado do Goberno en relación ao momento no que se produza esta acollida para "aliviar a presión en Canarias", insistiu.

CRÍTICAS DA XUNTA

Por outra banda, a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, volveu a insistir este venres en reclamar ao Goberno central "información concreta" sobre a acollida en Galicia de máis de 400 migrantes chegados de Canarias. Nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, a titular de Política Social asegurou que a administración autonómica necesita saber "cando van chegar todas estas persoas", en que medio de transporte chegarán ou a súa situación sanitaria.

Así mesmo, reivindicou que Galicia está "en disposición" de acoller migrantes, pero, engadiu, quere colaborar "baixo esa lealdade institucional". "Galicia é unha terra acolledora e solidaria, así o demostramos sempre", afirmou.

Cuestionada sobre a decisión de situar á maioría de migrantes no municipio pontevedrés de Sanxenxo, Fabiola García indicou que descoñecen os criterios de repartición. Neste sentido, dixo que "non é comprensible" que un concello como Sanxenxo vaia a recibir 350 persoas e unha comunidade como Asturias "vaia a recibir tan só 50".


28 MENORES NON ACOMPAÑADOS

Por outra banda, a conselleira confirmou que Galicia acollerá 28 menores non acompañados, despois de que, neste caso, o Goberno si establecese "uns criterios de repartición claros" acordados coas autonomías. "Iso fíxose ben", recoñeceu.

RUEDA FALA DE REPARTO "DESORDENADO"

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu a cualificar de "desordenada" a xestión do Goberno central da crise migratoria que afecta a Canarias, xa que considera que as comunidades están a recibir "pouca información" sobre o número de persoas que van acoller, onde se hospedarán, o seu estado ou que necesidades presentan.

A preguntas dos medios este venres en Santiago, o presidente galego incidiu en que "non é a primeira vez" que se reparten migrantes entre comunidades para aliviar unha zona "tensionada" como o está agora Canarias, pero, di, "si é a primeira vez que se fai con tan pouca información".

Segundo Rueda, os gobernos autonómicos non teñen "practicamente ningunha" información sobre o número de persoas que recibirán, os destinos aos que serán dirixidos, os establecementos nos que se aloxarán, "canto vai ser o tempo de estancia" ou en que estado de saúde atópanse e as necesidades que presentan.

"Isto debería facerse dunha forma moito máis ordenada, precisamente para tentar facelo ben", engadiu o presidente da Xunta, que afirmou que "todo isto é tan sinxelo como sentar a falar" para "coordinar" mellor a resposta das administracións á situación.

"Non creo que o sistema sexa simplemente descargar. Comprendo que agora mesmo Canarias está moi tensionada, está a chegar moita xente; pero o sistema non pode ser distribuílos polo resto do territorio sen practicamente ningún dato e sen practicamente ningunha coordinación. Isto pódese facer moitísimo mellor, sen ningunha dúbida", aseverou.

Nesta liña e tras afirmar que a Xunta non está en contacto coa rede de albergues senón que isto corresponde ao Goberno central, Rueda subliñou que son as comunidades autónomas quen prestan servizos "tan básicos como a sanidade, a educación ou os servizos sociais", polo que deberían estar ao tanto do proceso de atención ás persoas que chegan á costa española.

Deste xeito, sinalou que "se di" que a Administración central leva a cabo entrevistas personalizadas aos migrantes e que "ten unha especie de plan personalizado". "Non sei se iso é verdade, desde logo, se é verdade, non entendo por que non se nos comunica para saber quen son as persoas que veñen e que van necesitar", concluíu.

ALBERGUES DO CAMIÑO OFRECEN 1.000 PRAZAS

Un total de 21 albergues integrados na Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber) ofreceu ao Goberno 1.050 prazas para aloxar aos migrantes que chegarán a Galicia. O presidente de Agalber, Miguel Ángel Rodríguez, detallou que foi o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións o que contactou con eles.

O Ministerio remitiulle que a data de dispoñibilidade era "para canto antes", pero de momento "non teñen ningunha confirmación" e están á espera de saber as condicións, data de chegada e "se van ir ou non". En canto á localización dos establecementos que se ofreceron para aloxar a estas persoas, Rodríguez puntualizou que están "moi repartidos por toda Galicia".

Ante esta resposta positiva pola acollida destas persoas, o sector mostrouse "orgulloso" xa que é "unha situación complicada", porque "non é aloxar aos seus clientes habituais", e é unha axuda que necesitan. Finalmente, apuntou que ademais de que lles busquen aloxamento, o que lles gustaría é que lle desen a posibilidade de poder traballar legalmente, para que poidan "atopar o que veñen buscar".

PONTÓN: "TOCA SER XENEROSOS"

A líder do BNG, Ana Pontón, asegurou que "toca ser xenerosos" na acollida de migrantes e censurou que a Xunta "siga as instrucións de Xénova" coas súas críticas á xestión do Goberno neste asunto. "Temos que ser un país de acollida e hai que facelo colaborando e non entrando en polémicas estériles que creo que teñen o risco de axitar discursos de odio que non poden ter cabida na sociedade", afirmou. A portavoz nacional do BNG pronunciouse deste xeito ao ser preguntada este venres nunha rolda de prensa polas críticas da Xunta.

O FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN DENUNCIA O "RACISMO INSTITUCIONAL"

O Foro Galego de Inmigración denuncia o "racismo institucional" promovido, asegura, por "grupos políticos e representantes máximos de comunidades autónomas" ante a chegada de migrantes desde Canarias e pide que as administracións cumpran cos dereitos humanos. Tal e como trasladou nun comunicado, o Foro reprocha que se considere ás persoas migrantes "como mercadoría, carente de dereitos humanos". "Son persoas, cada unha delas, cun proxecto vital e como tal deben ser recoñecidos", expresa.

Nesta liña, lembra que as persoas que chegan a Canarias son "un número infinitamente menor que os turistas que visitan esas Illas", polo que cren que "non son un problema para un Estado grande e desenvolvido economicamente". Por iso, piden ao Goberno central e ao resto de administracións públicas competentes unha resposta que cumpra cos dereitos humanos: "acollida, acceso a apoio legal personalizado, rapidez nas posibles solicitudes de asilo e refuxio e garantía dunhas condicións dignas de vida durante o tempo necesario".

Así, piden repetir, "polo menos", o modelo que se empregou coa poboación migrante refuxiada procedente de Ucraína. No caso concreto das persoas que se acollan en Galicia, o Foro Galego de Inmigración asegura que estará atento do tratamento que se lles vai a proporcionar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta