Pode sufrir Galicia unha traxedia como a do incendio da discoteca de Murcia?

O Concello de Santiago e propietarios de locais nocturnos e ocio composteláns reuníronse para coñecer o plan municipal de supervisión para estes espazos. Logo do sinistro de Murcia, considerouse mellor curarse en saúde e revisar todos os locais para detectar posibles fallas de seguridade. Concello e empresarios aseguran que nestes momentos non hai motivos para preocuparse.

Por Moncho Mariño | Santiago | 05/11/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O incendio duns locais de ocio en Murcia e as graves consecuencias que tivo alertaron a todo o Estado sobre a seguridade en espazos de ocio nocturno. Uns poucos días despois, un fallo eléctrico provocou que un foco ardese nunha sala en Santiago. As voces alertando sobre a posibilidade dun incendio maior en Compostela fixeron celebrar unha reunión entre Concello e representantes da hostalaría e o lecer. As autoridades locais avisaron dun plan que levaría revisar o cumprimento das normas de seguridade nestes establecementos. Así e todo, representantes do sector do lecer nocturno insisten na capacidade de resposta dos locais composteláns ante un posible incendio das características do acontecido en Murcia.

Discoteca con actuación dun Dj
Discoteca con actuación dun Dj | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

ESTÁ PREPARADA A CIDADE?

Martín Zarauza, da Asociación de bares, pubs e discotecas de Compostela, xa intuía o que viría logo do incendio en Murcia: “cando sucedeu todo xa nos preocupamos pensando en todo o que nos viña encima”, sabedor de que tanto grupos políticos como sociais cuestionarían a seguridade dos espazos composteláns. Mais a preocupación aumento cando nunha sala de concertos, a Malatesta, arde un foco de iluminación. “Alí funcionou todo ben, houbo un fallo eléctrico puntual que queimou un foco e quedou apagado cun extintor”. Posteriormente, a chegada dos bombeiros “certificaron que todo estaba ben despois de apagar o lume”.

Despois dos feitos o Concello anunciou que ía axilizar un programa de inspección dos locais na cidade. Entón, existe unha alta probabilidade de lumes en espazos de lecer nocturno? “A maioría de instalacións teñen aforos limitados, moitas son edificios en pedra, algúns cun andar inferior e outro superior e na maioría dos casos dase accedido á saída” destaca Martín Zarauza. “O Concello realiza numerosos controis sobre os espazos, o estado das licenzas e as inspeccións son constantes”.

Alén diso, as normativas de seguridade e prevención de riscos obrigar a ter un extintor sexan cales sexan as dimensións do espazo. Por outra parte, se só se ten un destes aparellos contra o lume, entre el e a saída debe haber 15 metros de distancia. Máis alá disto último, as dimensións e a actividade dun espazo aumentan os riscos e por iso existen diferentes medidas segundo a actividade, tal como indica o Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas.

Con anterioridade, en 2019 saía o Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia.

Os dous decretos viñan a dar máis peso ás medidas de seguridade en locais. Con todo, o 2 de novembro de 2023, o Concello de Santiago e representantes hostaleiros celebraron unha reunión para verificar as medidas de prevención de incendios de locais de lecer nocturno e infantil. Segundo apuntaba a nota de prensa emitida polo consistorio, o plan servirá para comprobar que os locais “cumpren as condicións de seguridade nos establecementos en que se desenvolven actividades incluídas no Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público, ante a inquedanza social existente”.

O Concello tamén sinala que non ten constancia de locais funcionando sen licenza, se isto fose así ou o local non se axustara á normativa, sería pechado para evitar calquera risco. “Os peches de estabelecementos prodúcense cando se detectan riscos de seguranza ou de ruídos. En canto corrixen as deficiencias e se fai a comprobación de que se axustan á licenza, volven reabrir”. Aínda así, as fontes municipais reiteran que as “inspeccións en tres casos: por inicio de actividade, por cambio de titularidade e por denuncias”.

OPERATIVOS

Manuel Sanmartín, xefe dos bombeiros de Santiago, explica que nun caso de lume dentro dun local, o primeiro paso é recoller toda a información posible. “Necesitamos saber se hai xente, se están atrapados, se están distribuídos por distintos andares, que riscos se presentan e os materiais da construción”. Aínda así, Manuel Sanmartín aclara que a avaliación é constante, mesmo cando se chega ao lugar e durante o operativo.

“Nós levamos 7 persoas, nas instalacións quedan unha persoa para atender o teléfono e outra persoa para levar máis medios desde as instalacións de bombeiros se fose necesario”, explica o xefe de bombeiros de Santiago. Cando xa están no lugar, pídese ao responsable que indique o punto ou localización do lume, insístese en preguntar se quedan persoas dentro.“Actuamos en binomios, un membro rastrexa o lugar mentres o outro vai actuando sobre o lume”.

Antes de entrar, avalíase outra vez o estado do lugar, córtanse as subministracións de gas e eléctrica. Por outra parte, pídense datos a Urbanismo sobre o edificio: saídas, escaleiras e materiais con que está construído. “Colocamos os vehículos diante por se o edificio colapsa, outro punto que tamén revisamos”. Antes de entraren, os bombeiros atan unha corda na entrada do edificio que logo lles irá sinalando o camiño para saír sen que haxa confusións.

O feito de que Compostela revise os seus locais obedecería, en parte, a unha sensación de inseguridade e por outra a cuestións que os hostaleiros entenden como puramente políticas. “Somos unha arma que usan en campaña sexa cal sexa o bando”. Detrás disto, ademais, está o feito de ser unha cidade turística e unha fonte de ingresos importante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta