Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2023 | Actualizada ás 11:41
Aurora Pereira Carballo, máis coñecida como Aurichu, faleceu este martes aos 83 anos. Filla de mestres (Santiago de Compostela, 1940), --o seu pai foi represaliado polo franquismo--, dedicou a súa vida á arte e militou no nacionalismo. É un dos referentes artísticos que se iniciou baixo o pincel de Carlos Maside e á que Luís Seoane chegou a patrocinarlle unha exposición individual ao comezo da súa carreira.
Nai de catro fillos froito do seu primeiro matrimonio con Salvador García Bodaño, emparellouse despois co veterano nacionalista Xosé Manuel Beiras, co que compartiu a metade da súa vida na casa familiar que ambos reconstruíron ao longo dos anos e na que Aurichu Pereira mantivo o seu taller de pintura rodeada de obras.
Arroupada polos seus ata o último momento tras empeorar nas últimas semanas o seu estado de saúde, Aurichu Pereira será honrada nun acto civil polos seus achegados e familiares na tarde deste mesmo mércores en Boisaca, en Santiago de Compostela.
CONDOLENCIAS
Aurichu Pereira tamén tivo un papel relevante e, aínda que nunha segunda liña de batalla, foi tamén clave o seu papel xunto ao seu compañeiro de vida, con quen viviu algúns dos momentos cruciais da última década do nacionalismo, como a asemblea decisiva na que, xunto aos 'irmandiños', Beiras abandonou o BNG.
Desde que transcendeu a noticia, sucedéronse as condolencias públicas a través das redes sociais, como a do considerado 'fillo político' de Beiras e médico de familia, Martiño Noriega, quen tamén puido asistilos nas últimas horas.
Tamén chegaron os pesares por parte do BNG de Brión, municipio onde está a vivenda da Reboraina e da formación na que tamén militou durante moitos anos. "Nosas máis expresivas condolencias para o seu compañeiro", apuntou a través da rede social X.
A Mesa pola Normalización Lingüística ou amigos como Gerardo Pisarello tamén enviou a súa pésame á familia e ás amizades, especialmente a Xosé Manuel Beiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.