Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/11/2023 | Actualizada ás 17:14
A organización estudantil Erguer-Estudantes da Galiza convoca unha folga de consumo para os vindeiros 9 e 10 de novembro “ante a inminente suba de prezos nas cafetarías e comedores públicos da Universidade de Santiago de Compostela”, na facultade de Filoloxía.
Desde a organización de estudantes esixen a aplicación dunha política de prezos reducidos que se adapte ás necesidade e á capacidade económica do estudantado universitario. “Non é asumible que teñamos que pagar 7,50€ por un menú mentres na maioría de universidades europeas o prezo manténse entre os 3 e 5€” sinala Iago Fraga, responsable de Erguer na facultade de Filoloxía, onde comezaron as demandas. Apuntán tamén que varias cafetarías xa incrementaron os seus prezos, “de maneira ilegal, antes da entrada en vigor da nova táboa de prezos”.
Erguer tamén reclama un servizo de cafetarías e comedores adaptado ás necesidades reais do estudantado, con alimentos que pasen controis de calidade, engaden a isto unha xestión pública deste servizo, denunciando a externalización do mesmo. “Os comedores e cantinas universitarias deben ofrecer un servizo público e de calidade, non operar baixo unha lóxica de mercado que encarece os prezos” sentenza Iago Fraga.
A organización estudantil xa leva denunciando a situación desde a semana pasada a través das súas redes sociais e organizou unha asemblea aberta no Campus Norte. Ademais, presentou tamén un escrito ante a universidade esixindo prezos reducidos e un servizo público e de calidade, ademais de denunciar que a suba de prezos en Filoloxía constitúe unha infracción moi grave da normativa existente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.