Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2023 | Actualizada ás 18:34
'Paisaxes da auga: unindo ou pasado co futuro', así se chama o encontro internacional inaugurado este luns polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que se celebra no Parador de Santo Estevo, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín. Nel reuniranse ata o mércores unha trintena de expertos de todo o mundo, co fin de contribuír a que a Ribeira Sacra sexa distinguida pola Unesco como Patrimonio da Humanidade.
O máximo responsable de Cultura da Xunta fixo un chamamento á sociedade civil durante a inauguración da cita para afrontar de forma conxunta "o verdadeiro reto de país que supón pór en valor e protexer este territorio". Así mesmo, afirmou estar ante unha comarca definida pola súa "espectacular topografía" e "gran riqueza cultural e paisaxística".
O programa do encontro inclúe presentacións, conferencias e mesas redondas, entre outras actividades nas que participarán representantes de organismos como a Unesco, Icomos, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, así como de universidades e outras institucións. O encontro poderase seguir tanto de forma presencial como vía 'streaming'.
PROGRAMA DO MARTES
Este martes será o segundo día da cita e a axenda inclúe diversos relatorios, entre elas a de Tino Mager, secretario xeral do Comité Científico Internacional Icomos Auga e Patrimonio; a de James Douet, consultor da Conservación do Patrimonio Industrial; a de Josep María Mallarach, da Comisión Mundial de Áreas Protexidas; e a de Jessica Brown, do grupo especializado en paisaxes protexidas, entre outras.
Ademais, realizaranse dúas mesas redondas. A primeira sobre os valores patrimoniais das paisaxes da auga e a segunda sobre o coñecemento tradicional e os retos do futuro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.