Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2023 | Actualizada ás 20:10
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, defendeu que a igualdade de xénero "está presente nos currículos, no canto de estar presente como materia optativa; ten peso en todas as materias de forma transversal".
A responsable autonómica lembrou que a materia de igualdade de xénero incluíuse en 2016 como unha materia de libre configuración autonómica para o alumnado de ESO e Bacharelato e que prevía a LOMCE. Cando se desenvolveron os novos currículos ao amparo da nova lei LOMLOE, explicou, baixo a nova estrutura e dado que "non contou cunha gran demanda", optouse por facer esa formación de forma "transversal" e pór materias alternativas.
"A igualdade de xénero está presente nos currículos. No canto de estar presente como materia optativa, ten peso en todas as materias de forma transversal", asegurou. Por iso, a directora xeral pediu "prudencia" á hora de relacionar a eliminación desta materia con consecuencias como que aumenten as asasinadas por violencia de xénero.
"O ESTILO RUEDA, EN CONTRA DA IGUALDADE DE XÉNERO"
Judith Fernández comparecía a petición do grupo nacionalista. A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada do BNG Mercedes Queixas demandou do Goberno galego un compromiso para recuperar a materia de igualdade de xénero nas diferentes etapas educativas.
A xuízo da deputada do BNG, "afrontar o fin da violencia de xénero precisa dunha firme vontade política que asuma unha estratexia de planificación global desde o comezo dunha formación educativa en igualdade". Considera que isto responde o 'estilo Rueda', "en contra da igualdade de xénero". "O que importa céntrase, e o que non, apártase", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.