Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2023 | Actualizada ás 16:24
A tempada de pesca fluvial de 2024 irá, con carácter xeral para a troita, do 17 de marzo ao 31 de xullo, segundo o acordado este venres no Consello Galego de Pesca Continental. Como excepción atópanse as augas salmoneiras e de montaña, onde empezará máis tarde, o 1 de maio.
Este órgano, presidido pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén del Campo, fixou co sector as condicións para exercer a actividade. A orde anual publicarase proximamente e regulará os períodos hábiles de pesca, coas respectivas normas e determinacións de cada especie, con cotas de capturan que recollen as propostas dos consellos provinciais de pesca.
Nos cotos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar ata o 30 de setembro, mentres que nos cotos con convenio, con carácter xeral a tempada prolongarase ata a mesma data na modalidade sen morte. No que respecta ao salmón, os pescadores poderán desenvolver a súa actividade a partir do 1 de maio e ata o 31 de xullo. As cotas de captura desta especie no río Mandeo (A Coruña) establécese en cinco exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), a cota será de 15 e 10 exemplares, respectivamente; e no Miño (Ourense), o límite será de oito salmóns.
No caso da provincia de Pontevedra estableceuse unha cota de 15 exemplares para o río Ulla, cunha redución dun 50 %, mentres que o Lérez continuará vedado. O límite segue sendo dun salmón por pescador e día. Polo que respecta ao reo, mantense o período xeral de 1 de maio a 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns cotos.
Así mesmo, expuxéronse os principais resultados da posta en marcha do plan de manexo das poboacións de corvo mariño grande en Galicia, tras constatar a incidencia que esta especie está a ocasionar sobre as poboacións piscícolas, especialmente no caso dos salmóns. Este plan desenvolveuse en 11 cotos das catro provincias, realizándose un total de 40 percorridos de censado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.