Hai algúns aspectos importantes que se veñen repetindo no tempo: o incumprimento por parte do Estado de Israel das resolucións mais relevantes aprobadas pola ONU (coa súa inevitábel consecuencia: a incapacidade desta institución para achegar efectivamente unha solución xusta a este vello conflito); o apoio incondicional dos gobernantes dos USA (sexan demócratas ou republicanos) ás políticas dos dirixentes israelís e, singularmente, ás accións militares que conculcan gravemente as normas do dereito internacional humanitario; a carencia dunha política firme e continuada da UE en favor dunha paz que implique o recoñecemento da existencia dun Estado Palestino digno de tal nome.
Porén, existen outros factores que resultan novidosos a respecto dos parámetros explicativos tradicionais neste conflito. Un deles radica nos cambios operados na situación dos Estados árabes e na súa actitude cara ás reivindicacións palestinas. Por diversas razóns (algunhas derivadas das intervencións de potencias exteriores, outras asociadas ás revoltas da chamada "primavera árabe") certos países viron alteradas substancialmente as súas estruturas sociais e políticas (Iraq, Siria, Libia) e outros (Exipto, Turquía) coñeceron procesos de involución autoritaria. O novo panorama creado na zona debilitou a atención prestada ás demandas de Palestina. Non é que antes a actitude dos gobernantes árabes fora especialmente solidaria nesta materia (a salvaxe represión practicada no seu día polo rei Hussein de Xordania ou a reiterada pretensión para converter á OLP nun apéndice dos poderes estatais constituídos, foron outros tantos exemplos desas políticas inaceptábeis acometidas durante moitos anos) pero, dende hai poucos anos, a situación é certamente mais preocupante. A este fenómeno hai que engadir outro non menos importante: a fractura rexistrada na resistencia organizada palestina co nacemento de Hamas (unha circunstancia que inicialmente contou co apoio do actual xefe de goberno de Israel para propiciar o debilitamento da OLP) e a súa posterior hexemonía no territorio de Gaza. Durante moitas décadas, a OLP foi a única representación de Palestina lexitimada na area internacional. Agora, a situación é diferente: hai maior diverxencia entre os grupos palestinos e, xa que logo, menor capacidade para influír nos países árabes e nalgunhas institucións internacionais. Esta división interna ten provocado, nalgunhas ocasións, unha maior complicación na resposta solidaria promovida polos distintos segmentos da esquerda europea, por canto esixe practicar unha distinción argumental entre o apoio á resistencia fronte ás políticas sionistas dos gobernos de Tel Aviv e a distancia crítica con algúns dos criterios utilizados polas organizacións islamistas á hora de organizar a vida pública da poboación palestina no territorio de Gaza.
Sabiamos, dende hai tempo, que nas relacións internacionais non rexen os valores que habitualmente predican os dirixentes dos Estados, nomeadamente daqueles que posúen un maior poder decisorio. Eramos conscientes de que funciona a dupla moral e que se utilizan, sen vergonza, dúas varas de medir a respecto dos conflitos existentes. Pero o que está a suceder neste momento supera o que tiñamos coñecido. Os casos de Ucraína/Rusia e Palestina/Israel mostran contundentemente a distancia entre a retórica e a realidade a respecto dos principios que se invocan nos tratados internacionais e nas resolucións da ONU: o que no territorio ucraíno é considerado unha violación do dereito internacional e unha demostración da comisión de crimes contra a humanidade, transformase -en Gaza e Cisxordania- nunha aplicación adecuada do exercicio do dereito á lexítima defensa.
A principal esperanza para deter a masacre que está perpetrando o Exército de Israel nos territorios palestinos radica na capacidade de presión dos sectores das sociedades occidentais que se están mobilizando contra a aniquilación programada dos habitantes de Gaza (ademais das masivas manifestacións que se suceden en distintos países árabes). As complicidades exhibidas polos gobernos dos EE.UU., Gran Bretaña, Alemaña ou Franza coas políticas criminais promovidas por Netanyahu e a incapacidade demostrada pola ONU (derivada da estrutura organizativa establecida despois da II Guerra Mundial, que lle outorga o dereito de veto á Administración norteamericana) e polo Tribunal Penal Internacional (que aínda non foi quen de aprobar a imputación do primeiro ministro de Israel por crimes de guerra) constitúen un triste exemplo da situación na que se atopa unha boa parte da comunidade internacional á hora de asegurar a defensa dos dereitos humanos no planeta.
Mentres, deberemos seguir aturando as imaxes insoportábeis de milleiros de palestinos morrendo baixo as bombas, vítimas dun intento de aniquilación que lembra ao que practicou, no século pasado, o réxime nazi contra os xudeus europeos.