Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2023 | Actualizada ás 11:00
A Fiscalía arquivou a denuncia da nai que pediu paralizar, a través de Avogados Cristiáns, a prestación da eutanasia solicitada pola súa filla, unha muller de 54 anos que padece esclerose múltiple, na área sanitaria de Santiago.
Segundo informaron fontes consultadas por Europa Press, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) recibiu na mañá deste martes a documentación do Ministerio público co arquivo do caso polo que o procedemento continuará de acordo ao establecido na Lei 3/2021 de regulación da eutanasia. En concreto, a eutanasia estaba programada para o pasado día 2 de novembro, pero os profesionais sanitarios non puideron acceder ao domicilio, ao non abrirlles a nai da muller. Tras iso, tal e como informou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comeseñala, a Xunta remitiu o caso á Fiscalía.
A muller solicitou que se lle practicase a eutanasia e a comisión que a avaliou sostivo, entre outras cuestións, que padecía dores insoportables. Con todo, a nai, tal e como sinalou Avogados Cristiáns, negou este aspecto ao sinalar que non se axusta á verdade.
SANIDADE RETOMARÁ O PROCESO
Tras coñecerse o arquivo do caso e en declaracións aos medios, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou de que o Servizo Galego de Saúce (Sergas) recibiu este martes o arquivo, polo que retomará o procedemento "pensado desde a perspectiva da paciente" que, conforme indicou, "é o que o xuíz dixo que prevalece". Tras agradecer á xustiza a rapidez na súa resposta, considerou que se debe "respectar a vontade da paciente e o traballo dos profesionais" que xa estaban pendentes de realizar a eutanasia hai dúas semanas, un proceso que se "retomará" onde se deixou.
Preguntado polos prazos nos que levará a cabo, o conselleiro sinalou que é unha cuestión que se debe acordar coa paciente e as profesións para "encaixala" no "menor tempo posible" tal e como "estaba prevista".
"Normalmente, cando estes procesos se inician hai unha inquietude por facelo canto antes e imos respectar a decisión da paciente e facelo como ela quixo", sostivo nunha intervención na que informou tamén de que tanto a nai como a propia paciente coñecen tamén a decisión xudicial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.