Por Galicia Confidencial | Ourense | 15/11/2023 | Actualizada ás 09:00
Os concesionarios oficiais da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participarán como expositores no 14º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fines de semana seguidas en Expourense.
A fin de semana do 16 ó 19 de novembro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 23 ó 26 de novembro o do Vehículo de Ocasión. Trátase de dúas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O.
O 14º Salón do Automóbil foi presentado o luns 13 en Expourense nun acto no que participou o presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén Castro; o secretario xeral de Cáritas Ourense, Javier Soto Varela, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González. Por parte de ACAUTO interviu o seu presidente, Ramón Seijas Pérez, que estivo acompañado polo vicepresidente César Fernández Mosquera e por boa parte da Xunta directiva desta asociación empresarial.
24 MARCAS, VINTE MODELOS NOVOS E SORTEO DE 6.000 EUROS
Todas as marcas presentes aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2023. En total, participarán 15 empresas representando a 24 marcas que presentarán unha vintena de modelos novos. As marcas representadas son: ABARTH, AUDI, BMW, CITROËN, CUPRA, DACIA, FIAT, FORD, HYUNDAI, JEEP, KIA, MAZDA, MERCEDES BENZ, MG, NISSAN, OPEL, PEUGEOT, PORSCHE, RENAULT, SEAT, SKODA, TOYOTA, VOLKSWAGEN e VOLVO. Entre os dous salóns estarán expostos máis de 700 vehículos o que converte a Expourense no maior concesionario do Norte de España durante estas dúas semanas.
Para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.
HORARIOS E AXUDA Á CONCILIACIÓN
Para facilitar a elección do novo coche familiar neste 14º Salón do Automóbil, volverá haber servizo de ludoteca gratuíto durante toda a fin de semana (Venres de 17.00 a 20.30 h.; sábados de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h. e domingos de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h.).
A novidade desta edición é que os salóns estarán aberto dende o xoves pola tarde. O horario do 14º Salón do Automóbil será os xoves 16 e 23 de novembro de 16.00 a 20.30 h.; os venres 17 e 24 de novembro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 18 e 25 de novembro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 19 e 26 de novembro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).
COLABORACIÓN CON CÁRITAS OURENSE
Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade fixa por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e ACAUTO.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.