Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 14/11/2023 | Actualizada ás 13:46
O Servizo de Vías e Obras da Deputación de Ourense atendeu un total de 146 incidencias que afectaron á rede provincial de estradas durante os temporais da semana. Segundo informou a entidade, o 85 % das intervencións estiveron relacionadas coa caída de árbores sobre a calzada, un 10 % con desprendementos de terra e rocas dos noiros lindeiros coas estradas e un 5 % con inundacións nas estradas que provocaron as intensas precipitacións.
Dentro da rede provincial, as zonas mais castigadas polos temporais foron as comarcas do Ribeiro, Carballiño, Celanova e Ourense, seguidas da Baixa Limia. O 78 % das incidencias recibidas no centro operativo de comunicacións, situado nas instalacións do parque de maquinaria, foron trasladadas polo 112; un 20 % pola Garda Civil de Tráfico, e un 2 % por particulares.
Para facer fronte ás mesmas, aos catro equipos de emerxencias que atenden a rede provincial de maneira habitual sumáronse cinco equipos adicionais, cada un dos cales formado por tres traballadores. Deste xeito, traballaron un total de 27 persoas por quendas para cubrir as 24 horas durante todas as xornadas de temporal. Ademais, foi necesario empregar ata unha decena de unidades de maquinaria pesada para o restablecemento da circulación ao trafico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.