O 78 % das xornalistas galegas sufriron comentarios machistas: "Cando vaias facer esa entrevista, leva escote"

Segundo o estudo realizado pola asociación Xornalistas Galegas, que reflexa o sentir e os testemuños das profesionais consultadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2023 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

Case 8 de cada 10 xornalistas galegas (o 78%) sufriron comentarios ou actitudes machistas no traballo, segundo un estudo realizado pola asociación Xornalistas GalegasO colectivo, segundo explica nun comunicado, realizou entre outubro e novembro de 2023 unha consulta á que responderon 127 xornalistas e comunicadoras galegas. A enquisa forma parte das accións que o colectivo desenvolve con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Violencia de Xénero e ten como obxectivo visibilizar situacións vividas no exercicio profesional do xornalismo ou da comunicación ao redor do acoso sexual.

Así, tres de cada dez profesionais consultadas recoñeceu soportar ou ser testemuña de acoso ou agresión sexual na contorna laboral, mentres que o 86% foi testemuña de comentarios ou actitudes machistas cara a outras mulleres. En canto á idade, a maioría das profesionais que responderon (60%) ten entre 36 e 50 anos, seguidas pola franxa de entre 20 e 35 anos (20%) e a que vai de 51 a 56 (20%).

PROTOCOLOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Na enquisa tamén se pregunta polo coñecemento por parte das participantes dos protocolos contra a violencia machista ou agresións. O 58% das xornalistas consultadas afirma que no seu posto de traballo non existe un protocolo de acoso ou agresión (40,9%) ou que descoñecen a súa existencia (17,3%). O 46% das xornalistas en cuxo lugar de traballo existe un protocolo de acoso ou agresión non saben en que consiste e o 19% ten só "unha lixeira idea". En xeral, a maioría (81%) das xornalistas e comunicadoras galegas consultadas considera que a empresa na que traballan non informa correctamente os protocolos de acoso ou agresión.

"Nos relatos repítense os esquemas machistas independentemente do ámbito da comunicación no que as profesionais desenvolvan o seu traballo: comentarios incómodos, tocamentos, chantaxe sexual, presións, violencia das fontes, acoso ás bolseiras e abusos de poder son denuncias recorrentes, tanto no ámbito da televisión, prensa escrita e gabinetes, ao que pertencen o 60% das consultadas, como no resto de formatos e medios", sinalaron.

"Tiña que ir sempre a falar co meu xefe cun cartafol para tapar o peito e así tentar conseguir que me mirase aos ollos; "cando vaias facer esa entrevista, leva escote"; ou "un compañeiro moito maior que eu me enviou unha foto na que se lle marcaban os xenitais", son algúns dos relatos que compartiron as entrevistadas. Algunhas mesmo relatan violencia física: "Un entrevistado deume unha labazada cando o apartei porque me quixo bicar na boca agarrándome a cabeza. Cando llo contei ao meu xefe, díxome: Non podes ir namorando así aos homes". As bolseiras tamén protagonizan algúns dos testemuños. "As mozas que viñan de prácticas eran valoradas por se estaban máis ou menos 'cachondas', non pola súa valía profesional"; "na entrevista pra facer prácticas fixéronme preguntas coma se tiña noivo ou me doía a regra".

Xornalistas Galegas, na manifestación do 8M de 2020
Xornalistas Galegas, na manifestación do 8M de 2020 | Fonte: xornalistasgalegas.org.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta