Por Moncho Mariño | Santiago | 16/12/2023 | Actualizada ás 22:00
A trata de seres humanos figura entre as dez prioridades en materia de delincuencia para o Consello Europeo. O obxectivo do organismo europeo é desarticular redes delictivas vinculadas coa trata, sobre todo a explotación de menores, o uso da violencia contra as vítimas potenciais e tamén a captación e exposición de persoas en Internet. Porén, as redes delictivas continúan actuando por todo o planeta e cada vez son máis sofisticadas no uso das novas tecnoloxías (TIC) para enganaren persoas en situacións vulnerables. “Durante a COVID e agora coa guerra na Ucraína, as mafias comezaron a suar a Rede para captar persoas mediante ofertas de traballo falsas ou tamén mediante axuda solidaria que finalmente é unha trampa” di Teresa de Gasperis da ONG, ACCEM. Por outra parte, a trata de persoas está tipificado como delito no Estado desde 2010 e en 2012 asinouse o Protocolo contra a Trata, o que implica na persecución deste delito desde a Fiscalía, forzas e corpos de seguridade, gobernos e ONGs. Porén, a persecución desta acción delictiva é difícil e complexa debido a moitos factores: desde o medo ás coaccións por parte das redes de trata, violencia contra as persoas prostituídas e lexislacións laxas ou permisivas coa prostitución.
PROSTITUCIÓN NA INTERNET, BENEFICIO PARA QUEN?
O Artigo 3 do protocolo da Convención das Nacións Unidas contra a Delincuencia Organizada Transnacional define a trata de persoas, entre outras formas, como a fraude, o engano, o secuestro ou o rapto de persoas para seren explotadas. A explotación inclúe a prostitución allea e outras formas de explotación sexual. Dentro das modalidades de engano ou fraude está o uso de webs con ofertas de traballo, ofertas de refuxio por parte de presuntas ONGs e por outra parte está tamén a chantaxe sexual ou sexting.
A explotación sexual mediante a Internet non recoñece fronteiras nin estados ou clases sociais nin fai distinción entre homes e mulleres. “Hai moita xente nova que pode ser vítima do sexting ademais de existiren moitos consumidores tamén moi novos” di Teresa de Gasperis. Onde está o beneficio do sexting e para quen vai? “Poden captar persoas desde as redes sociais como desde determinados videoxogos online. Hai maiores de idade que crean falsos perfís de adolescentes para entraren nestes xogos ou nas redes” di de Gasperis.
En determinados xogos online a persoa que capta “regala” puntos ou “vidas” para que o ou a xogadora poda continuar. Logo, a cambio, a persoa captadora pode “pedir” imaxes íntimas da vítima. Se esa vítima se nega a enviar máis imaxes, o “captador” ameaza con enviar as fotografías e capturas de pantalla no seu poder para enviarllas ao círculo de coñecidos da vítima. O resultado: “poden pedir máis imaxes, poden pedir diñeiro e outras esixencias”. A vítima está sendo coaccionada para mostrar a súa intimidade e sen seguridade de que as imaxes fiquen só en mans da persoa chantaxista.
SEGUEMENTO E PERSECUCIÓN
“En prostitución sempre se dá o delito de prostitución coactiva e lucrativa cando falamos de clubes de alterne ou pisos” di Ana García Costas, avogada viguesa e vinculada á ONG Faraxa. Tamén se pode dar noutras vías como son as telemáticas, aínda que estas son máis difíciles de probar pois a Rede pode garantir anonimato até certo punto. Isto último é un dos elementos ofrecidos por webs onde se anuncian online os servizos de persoas que ofrecen sexo ou simplemente compañía a cambio de diñeiro.
“Non existe delito en publicitar, existe delito se podemos demostrar que hai prostitución proactiva, cometes delito se te lucras co sexo de pago” apunta García Costas. Aínda así sería posible denunciar estas webs e as empresas que hai detrás? “Si é posible denuncialas, mesmo como persoas xurídicas, mais o problema radica en que moitas destas páxinas online teñen a residencia fiscal fóra da UE en paraísos fiscais, ou en lugares tan perto como Londres”.
E se existe un protocolo contra a trata, pode crearse un acordo internacional para a persecución desta nova vía de prostitución mediante a Internet? “É moi complicado chegar a ese tipo de acordos, mesmo hai países que regulan a prostitución como Alemania”. “Regular” non garante que as persoas prostituídas teñan todos os seus dereitos recoñecidos e garantidos ante as autoridades, incluídas as fiscais.
CAMBIOU O PERFIL DA PERSOA CONSUMIDORA?
Teresa de Gasperis apuntaba que hai xente moi nova que son consumidores e tamén persoas explotadas sexualmente. ACCEM no seu documento sobre o impacto das novas tecnoloxías para a captación de persoas para a trata, apunta que a Internet permite acelerar os procesos de sometemento e explotación dunha persoa diminuíndo riscos para os tratantes grazas ao anonimato do mundo dixital.
Máis aló disto, as persoas que consumen sexo de pago non teñen un perfil único. Así o apuntan as conclusións das fontes consultadas. A pornografía en Internet pode ser unha vía de explotación sexual e os e as consumidoras pertencen a diferentes perfís sociais, de idade, sexo e crenzas. O consumo de pornografía en Internet fixo subir o número de persoas consumidoras sobre todo entre a xente máis nova, incluíndo mulleres adolescentes.
Os servizos xa non son case exclusivamente en clubes. As protestas veciñais, de autoridades locais, etc., fixo que as accións contra este tipo de lugares aumentasen. A consecuencia directa foi a proliferación de pisos ou chalés a onde trasladaron as actividades de prostitución. De novo as protestas veciñais, sociais e de autoridades políticas foron pechando o círculo sobre estes puntos. A partir de aí, pagar por sexo mediante o uso de webcams, vídeos gravados e o acceso a páxinas con contidos “premium” permiten continuar coa actividade sexual a cambio de diñeiro. O perfil do consumidor ou consumidora non cambiou moito, mais si a forma de consumo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.