O pasado e o presente de Feijóo

Nunha democracia parlamentaria, ademais da lóxica relevancia atribuída ás formacións políticas que conforman o poder executivo -e, no seu interior, á persoa que encarna a presidencia do goberno- resulta moi importante analizar o papel que desenvolve a oposición e a calidade do labor dos seus dirixentes.

Por Xesús Veiga | Compostela | 18/12/2023

Comparte esta noticia
A figura de Alberto Núñez Feijoo pode ser analizada en dous planos diferenciados. Por unha banda, cabe centrar a mirada na traxectoria do seu pasado e na realidade do seu presente. Pola outra, resulta pertinente suscitar diversas interrogantes a respecto das expectativas que se proxectan sobre o seu futuro.
 
Dende hai unhas semanas, a polémica está servida en moitos ámbitos da opinión publicada: cal é o Feijoo verdadeiro? O que presidiu durante 13 anos o goberno galego cunha imaxe de político moderado, centrista, respectuoso coa diversidade territorial asociada ao modelo constitucional do Estado das Autonomías ou o que pactou con Vox para gobernar en diversas CC.AA. e concellos e que non dubida en alimentar unha dinámica de confrontación crispada nas institucións e na rúa por mor de non aceitar a derrota electoral sufrida o pasado 23 de Xullo?
 
Ao cabo, pódese afirmar que estamos ante dous rexistros distintos que emanan dunha mesma ambición pola consecución e mantemento do poder ao prezo que sexa preciso. O principal motivo que explica o distinto comportamento constatado na última década reside nas singularidades dos contextos sociais e políticos nos que Feijoo desenvolveu a súa actividade. Nos últimos quince anos, unha parte relevante da sociedade galega asumiu a hexemonía do PP nas institucións de autogoberno como algo útil e "normal". Existiron, sen dúbida, resistencias a ese dominio -nalgunhas ocasións, dotadas de notábel intensidade- e houbo, tamén, carencias significativas no desempeño realizado polas forzas da oposición. Mais, con carácter xeral, o PPdG tirou beneficio dunha inercia conservadora presente en amplos sectores do corpo social que, ao mesmo tempo, foi alimentada con políticas clientelares e cun forte control sobre a meirande parte do sistema mediático. O marco estatal co que se atopou, no ano 2022, o ex-presidente da Xunta ofrecía marcados contrastes co terreo de xogo no que viña actuando ate ese momento. A dimensión acadada por unha forza como Vox rachaba a homoxeneidade precedente dunha dereita unificada no PP galego. Os conflitos de natureza nacional presentes nas realidades catalá e vasca ofrecían moitas mais dificultades para ser xestionados coas lóxicas políticas promovidas dende a cómoda maioría absoluta da Cámara do Hórreo. E por último -mais non por iso menos importante- o panorama mediático estatal non posibilitaba reproducir co mesmo nivel de éxito as prácticas reiteradamente utilizadas no circuíto galego. Se, neste ámbito territorial, a equipa de Feijoo era quen de fixar, coa máxima eficacia práctica, as mensaxes que os principais medios debían trasladar aos telespectadores, ouvintes e/ou lectores, en Madrid as cousas non funcionan do mesmo xeito. Por varias razóns: polo maior peso dos sectores mediáticos críticos coa dereita política, porque A. Núñez aínda non manexa os recursos orzamentarios dos que dispón Díaz Ayuso e porque os grupos mediáticos que operan na capital do Estado están afeitos a exercer unha presión inequívoca sobre aqueles gobernantes do PP que non cumpran as implícitas regras que rexen nese xogo particular. Na memoria recente ficará ese momento no que unha portada de "El Mundo" arruinou o pacto sobre a renovación do CXPX que tiñan acadado Sánchez e Feijoo, por aludir a un suposto malestar en sectores da xudicatura e do propio PP.
 
A continuidade entre o liderado exercido no PPdG e o que agora practica dende os despachos da rúa Génova manifestase nunha circunstancia relevante: en ambos casos, o protagonista carece dun discurso ideolóxico que conteña as suficientes doses de orixinalidade como para consideralo un referente de certo peso no universo da dereita española e/ou europea. Na Galiza viviu das rendas das achegas realizadas por Fraga na década dos 90 do pasado século ("autoidentificación", Conferencia de presidentes autonómicos, reforma do Senado, presenza das CCAA na UE...) e non foi capaz de asumir o reto da reforma estatutaria pendente. Agora, a nivel estatal, non aposta por realizar un Congreso que serva para actualizar o perímetro programático do PP e delimitar as diferenzas con Vox e aceita "externalizar" todo o referente ao ideario na fundación FAES e no seu hiperactivo presidente J.M. Aznar. Xa que logo, substitúe o seguidismo de Fraga pola subordinación ao persoeiro que se retratou nas Azores con Bush e Blair antes de invadir Iraq.
 
A recente designación de Miguel Tellado como voceiro do Grupo Parlamentar no Congreso exemplifica moi ben a folla de ruta elixida. Podía ter nomeado a Pedro Puy para ese posto, aproveitando a súa experiencia contrastada no Parlamento galego e a maior calidade -no fondo e na forma- da súa retórica discursiva. Poren, preferiu alguén que exerza coa máxima agresividade o papel de "policía malo", para non molestar aos poderosos sectores do seu partido que postulan a guerra contra a maioría parlamentaria por terra, mar e aire.
 

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.